O goberno municipal licita a humanización da Avenida Clara Campoamor por 1.232.000 euros
O goberno municipal aprobará mañá a licitación das obras de humanización da estrada Clara Campoamor no tramo comprendido entre as rotondas de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro e o da confluencia coa rúa Ramiro Pascual, segundo avanzou hoxe Abel Caballero ao indicar que contará cun investimento de 1.232.000 euros.

O alcalde defendeu este xoves que a Xunta debería asumir as obras de humanización que mellorarán o acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro, e que serán licitadas mañá venres 9 de maio pola Xunta de Goberno Local. “Esta é unha obra que tería que facer a Xunta porque é de acceso ao hospital. Noutros lugares de Galicia paga a Xunta e aquí pagámola nós, 1.232.000 euros”, recalcou Caballero.
As obras, que comezarán a finais de verán, desenvolveranse durante 5 meses e servirán para dotar o acceso ao principal centro sanitario de Vigo con beirarrúas que melloran e facilitan o tránsito peonil, así como con novas redes de drenaxe, saneamento e abastecemento, ademais de con iluminación pública con led. “Vai ser a adecuación da Avenida Clara Campoamor ás necesidades e á utilidade e satisfacción da cidadanía de Vigo”, apuntou o rexedor.