Escoitar

O descenso do Marisquiño rematará este ano en A Laxe

Caballero animou a gozar co “espectáculo extraordinario" do descenso de mountain bike desde O Castro previsto o sábado 9 de agosto e que este ano rematará no Centro de Ocio A Laxe. Trátase dunha das probas estrela do festival de deportes urbanos máis importante do mundo que o Concello subvenciona con case 1.350.000 euros.

xoves, 8 mai 2025

O alcalde participou esta mañá na presentación do Descenso Urbano da vixésimo quinta edición do Marisquiño organizada no Centro de Ocio A Laxe. Acompañado por David Regades, delegado da Zona Franca; Carlos Domínguez, responsable do festival; Olga Gonzálvez, directora do centro comercial e Héctor Quinteiro, rider, avanzou que esta proba, que se celebrará o sábado 9 de agosto, rematará este ano no Centro de ocio A Laxe. É un “espectáculo” e animou a todo Vigo a que o goce desde as zonas acoutadas para o público porque “é extraordinario e paga a pena”.

Nesta edición, os deportistas sairán como sempre desde o pé da Fortaleza do Castro pero o percorrido rematará cruzando a mítica pasarela viguesa de A Laxe a máis de 17 metros de altura da rúa e baixando entre os dous edificios do Centro de Ocio ata a meta. Cun circuíto de 1 quilómetro e 135 metros de desnivel, a proba comezará ás 17,00 h e rematará ás 20,00 h, unha hora máis tarde do habitual para contar cunha luz aínda máis espectacular.

O descenso urbano para o 25 aniversario de Marisquiño contará ademais con actividades para amenizar o día e a meta como un MiniDH para os máis pequenos, DJ,s e outras sorpresas.

Caballero felicitou á organización e aos colaboradores polo traballo “excepcional” que están a realizar “situándonos no mundo” co maior “espectáculo de deportes urbanos”. Lembrou que o Concello adica preto de 1.350.000 euros “diñeiro ben gastado porque este festival xa é parte da marca Vigo”.

Descargar todas as imaxes