Escoitar

O Concello establece un dispositivo especial de limpeza para a Brincadeira de Bouzas

O alcalde informou da posta en marcha dun sistema de recollida selectiva de residuos durante esta fin de semana de celebración no casco histórico de Bouzas.

mércores, 7 mai 2025

Esta fin de semana, o sábado 10 e o domingo 11 de maio, Bouzas celebra unha nova edición da “gran festa da Reconquista” e o alcalde convidou a toda a cidade a sumarse a este evento que encherá as rúas de música, gastronomía, artesanía e representacións teatrais.

Con motivo da festa, o goberno municipal poñerá en marcha un sistema de recollida diferenciada de residuos no casco histórico, con especial atención á fracción orgánica mais tamén aos plásticos e vidros.

Tal e como explicou o alcalde, o programa diríxese especialmente ao sector de hoteis, restaurantes e cafeterías “que terán un nivel importante de afluencia durante a festa” e, co fin, realizáronse visitas previas aos locais e abordouse cos propietarios o alcance da campaña que se poñerá en marcha.

“Queremos limpeza e reciclaxe, separación de residuos, a economía circular”, sinalou o rexedor, que explicou que o lixo se recollerá porta a porta con vehículos eléctricos e que se instalarán 30 papeleiras selectivas nas rúas. “Imos seguir avanzando na extraordinaria calidade da festa e na mellora da reciclaxe”.

 

Descargar todas as imaxes