O alcalde presenta o dispositivo de limpeza das praias, que xa está operativo
O servizo de limpeza de praias de Vigo, que se despregará durante toda a tempada estival, xa está operativo, segundo anunciou o alcalde ao explicar que os medios que utilizará o Concello permitirán á cidadanía contar cuns areais “impolutos”.

Abel Caballero avanzou hoxe que o servizo de limpeza dos areais de Vigo contará, durante os sete días da semana de todo o verán, co traballo de 14 persoas, das que 12 traballarán en quenda de mañá e 2 na de tarde. Estarán organizados en seis equipos para atender a todas as zonas.
O Concello despregará dous grandes tractores para as intervencións nas praias de Samil, O Vao e Canido, así como outros vehículos de menor tamaño para os areais máis pequenos como A Fonte ou Fontaíña. Amais, operarán 3 limpiapraias manuais para os espazos máis pequenos, dous vehículos 4 por 4 e dous coches eléctricos con plataforma para transportar as bolsas e apoio loxístico.
Caballero asegurou que o dispositivo municipal é “garantía de praias limpas todo o verán en Vigo” e lembrou que as praias de Vigo ocupan unha gran extensión, con preto de 25 hectáreas de superficie.