Os xardíns de Castrelos acollerán concertos ao aire libre este verán
O Concello abre unha convocatoria pública para seleccionar as actuacións que encherán o recinto con diferentes estilos musicais. É unha das accións do programa de conmemoración do centenario da doazón do Pazo de Castrelos á cidade.

Abel Caballero avanzou este xoves o desenvolvemento dun ciclo de concertos ao aire libre nos xardíns do Pazo de Castrelos este verán para celebrar o centenario da doazón do Pazo á cidade, por parte do Marqués de Alcedo, no ano 1925. Serán recitais de entre 60 e 90 minutos de duración os domingos pola mañá, ás 12:30 horas, durante os meses de xuño e xullo.
No marco da conmemoración do centenario da doazón do Pazo de Castrelos á cidade, o Concello abre convocatoria pública para seleccionar as actuacións en réxime de concorrencia competitiva. Os concertos ofrecerán un percorrido polos grandes xéneros musicais que acompañaron a vida do pazo desde 1925, entre outros, jazz, blues, soul, funk, rock, pop e reggae ou música contemporánea... As propostas deberán presentarse exclusivamente a través do Rexistro electrónico do Concello de Vigo.