Escoitar

O Concello programa "Vigo nas letras galegas" con cinco citas culturais na Porta do Sol, a Praza do Rei e o MARCO

O alcalde avanzou hoxe que o Concello conmemorará, desde o luns 12 ao sábado 17 de maio, o Día das Letras Galegas cun programa dedicado á música tradicional e á poesía que despregará cinco actuacións, ante o Museo MARCO, a Praza do Rei, e a Porta do Sol, do alumnado das escolas municipais de música folk e tradicional, ETRAD, e de danza e percusión tradicional, e dos músicos Francisco Castro e Federico Welicki.

venres, 9 mai 2025

Abel Caballero presentou este venres, coa concelleira de Normalización Linguística, Olga Alonso; o director da ETRAD, Xaquín Xesteira; o escritor e músico Francisco Castro; con Federico Welicki e a produtora musical e compositora Verónica Santalices, o programa “Vigo nas letras” co que o Concello achegará á cidadanía a cultura inmaterial de Galicia con tres concertos protagonizados polos alumnos da Escola de Música Tradicional, unha actuación da escola de danza e o espectáculo poético musical “Cantigaéverso” por Castro e Welicki.

O alcalde destacou que o programa conta con cinco citas culturais “notables” na Porta do Sol, na Praza do Rei e ante o Museo MARCO. “Para nós é unha forma de volver vivir na cidade o Día das Letras Galegas durante bastantes días máis que o propio 17, e a nosa visión da importancia do desenvolvemento da cultura tradicional autóctona, da música, da danza, da poesía e desta forma de sentir e levar a Vigo adiante”, explicou.

Xaquín Xesteira indicou que a celebración deste ano da ETRAD ten como eixo vertebrador a poesía de transmisión oral, tanto nas letras das cantigas como na música, e contará coa participación de case todos os alumnos. “A escola convértese nun eslabón máis para divulgar esta parte da cultura inmaterial do pais”, indicou ao afirmar que están “encantados de mostrar o noso traballo e de divulgar a cultura popular de Galicia” na docencia e nos concertos e actividades que desenvolve a ETRAD.

O escritor e música Francisco Castro avanzou que o espectáculo “Cantigaéverso”, que despregará con Francisco Welicki, está baseado na “poesía galega musicada” tanto a oral interpretada con instrumentos tradicionais, como as pandeiretas, como a editada porque O Rexurdimento arrinca en Vigo.

Verónica Santalices animou á cidadanía a asistir ás citas culturais, especialmente á da Porta do Sol o día 17 de maio, “porque se trata dun momento lúdico e educativo”.

Programa

Luns 12. Marco: 19.00 horas.

  • Aula de canto popular
  • Aula de arpa céltica
  • Aula de acordeón
  • Conxunto 2 medio
  • Conxunto 2 básico

Martes 13. Marco: 19.00 horas

  • Aula de canto popular
  • Conxunto 3 medio
  • Conxunto 3 básico
  • ETRAD Zanfona Esemble

Mércores 14. Marco: 19.00 horas

  • Aula de canto popular coa colaboración do alumnado de baile tradicional de Asociación Cultural Traspés
  • Aula aberta de coro
  • Aula aberta de pandereteiras
  • Aula aberta de corda frotada
  • Sincopés (conxunto 2º avanzado)

Venres 16. Prazo do Rei: 12.00 horas

  • Actuación da Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional

Sábado 17. Porta do Sol: 12.00 horas

  • Espectáculo poético musical "Cantigaéverso", de Castro&Welicki

 

Descargar todas as imaxes