A Noite Branca dos museos será o 2 de agosto
O goberno local abre a próxima semana a convocatoria pública para a presentación de propostas de actividades nesta tarde-noite. Os museos municipais abrirán de desde as 20h ata a 1 da madrugada.

Vigo volverá “gozar da mobilización cultural” da Noite Branca dos museos municipais o 2 de agosto. O goberno local prepara para esta data a apertura dos espazos expositivos como o museo Quiñones de León, a Pinacoteca, a Casa Galega da Cultura, Casa das Artes e o Verbum cun horario especial e actividades culturais complementarias entre as 20h e a 1 da madrugada.
A próxima semana, artistas e entidades culturais poderán presentar as súas propostas para acompañar ás exposicións municipais neste día. O alcalde anunciou que o goberno local abre a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, de tal xeito que se seleccionarán as mellores actividades para acompañar as exposicións da rede de museos municipais.
Abel Caballero explicou que a programación pode abordar distintos ámbitos e disciplinas como a historia, a arte, arqueoloxía, patrimonio cultural, etnografía, música, artes escénicas, danza, novas tecnoloxías e que poden abarcar distintas accións como visitas guiadas teatralizadas, obradoiros, arqueoloxía, experimental, concertos, danza, teatro, contacontos, entre outros.