O alcalde pon en valor o carácter amigable de Vigo no "XII Congreso Nacional de Organizacións de Maiores"
O alcalde reivindicou este xoves, ante os participantes no “XII Congreso Nacional de Organizacións de Maiores” que ten lugar na sede de Afundación, o carácter amigable e acolledor da cidade de Vigo, e a vocación das persoas que desde a idade deciden manterse activas e “seguir sendo parte integrante na toma de decisións da sociedade” porque os anos non son “ unha limitación”.

Abel Caballero defendeu hoxe, ante os mais de 400 participantes na apertura do “XII Congreso Nacional de Organizacións de Maiores”, o interese das persoas de idade por contribuír de forma activa ao avance da sociedade. “Xa non somos xente maior que estamos nas nosas casas esperando a que pase o tempo, somos xente maior activa que temos moito para contribuír á sociedade e esa ten que ser nosa reclamación amigable e cidadá”, asegurou o alcalde apelando ao papel do sindicalismo nas distintas vertentes das xubilacións e da actualización tecnolóxica.
O rexedor recalcou que as persoas de idade “queremos seguir sendo parte integrante do proceso das decisións e da forma de entender a sociedade porque o mundo cambiou que se vertebra de forma totalmente diferente e a idade xa non é un factor de limitación senón de acumular experiencia vital e capacidade de resposta” nos distintos ámbitos da actividade, desde a empresa á política.
O alcalde afirmou que a idade non é un factor limitante para que os maiores sexan actores activos no avance da sociedade. “Agora, a idade é factor integrante”, defendeu ao sinalar que “os maiores estamos na nova tecnoloxía, onde está unha parte da nosa vida”.
Caballero apeló á necesidade de realizar un “pacto social de toda a sociedade para evitar a soidade non desexada”. Sinalou que entre os temas “centrais” das persoas maiores tamén se atopa a “autonomía económica” polo que demandou propiciar, desde a política, que as pensións sexan as máis altas posibles.

