O goberno local licita o contrato do Servizo de Axuda no Fogar por 49,5 millóns de euros
O alcalde anunciou este xoves o inicio da contratación do Servizo de Axuda no Fogar para os próximos tres anos por un importe de 49,5 millóns de euros, prorrogable por outros dous exercicios. O ano pasado o Concello atendeu domiciliariamente a 1.600 persoas con autonomía persoal limitada ou en situación de risco social.

Abel Caballero anunciou hoxe que o Concello inicia a licitación do Servizo de Axuda no Fogar, “un dos contratos municipais máis importantes. É a política social que se desenvolve en Vigo”, recalcou.
O concello destinará ata 2028 máis de 16,5 millóns de euros cada ano á atención domiciliaria, xa que a licitación conleva un aumento anual de 5 millóns de euros. “Nós prestamos un gran servizo en axuda no fogar, pero o certo é que do pago que se realiza o 50 por cento achégao o Concello de Vigo e a Xunta, que recibe recursos do Goberno de España paga só o outro 50 por cento a pesar de ser unha competencia e obrigación da administración autonómica", indicou o rexedor.
“En lugar de pagar a Xunta o 100 por cen, como corresponde, derivoulle ao Concello de Vigo, a través dunha lei, a obrigación de pagar a outra metade e ten que pagalo a Xunta”, reclamou o rexedor ao considerar unha coacción que a administración galega expoña que se deixe de atender ás persoas nos seus domicilios se o Concello non achega financiamento. “Nós queremos prestar o servizo, pero neste momento demandamos á Xunta que cumpra coa súa obrigación e que pague o cento por cento”.
Caballero recalcou que a Xunta segue sen contestar á carta remitida no principio do ano á conselleira de Política Social. “Isto é a Xunta, desatender enteiramente á xente que o necesita na cidade de Vigo"