Escoitar

O alcalde valora o compromiso do Goberno coa alta velocidade Vigo-Madrid por Cerdedo

O Ministerio de Transportes vén de licitar o estudo informativo complementario para lograr a Declaración de Impacto Ambiental da variante de Cerdedo, cun orzamento de 998.400 euros.

martes, 15 abr 2025

Abel Caballero deu conta este martes do novo paso dado polo Goberno de España para avanzar na liña de alta velocidade entre Vigo e Madrid por Cerdedo. “Por primeira vez aparece na licitación o plano de como quedaría a rede de alta velocidade en Galicia: Vigo-Pontevedra-Cerdedo-Ourense e desde aí, directa a Madrid”, explicou.

“Neste momento segue en marcha e a toda velocidade o tren Vigo-Madrid por Cerdedo”, engadiu Caballero, destacando que con este trazado se aforrarán case 100 quilómetros da volta “que estamos obrigados a dar neste momento e a velocidade será de 300 km/hora”. Así, recoñeceu o compromiso do presidente do Goberno e do Ministro de Transportes con este proxecto de vital importancia para Vigo. De feito, destaca que os prazos se adianten con respecto ao acordado entre o Concello e o Ministerio de Transportes. “O goberno cumpre e cumpre extraordinariamente ben”.

O Ministerio de Transportes fixo pública este martes a licitación da redacción do estudo informativo complementario para tramitar a avaliación de impacto ambiental da variante ferroviaria de Cerdedo co obxectivo de mellorar a conexión ferroviaria de Ourense con Pontevedra e Vigo. O estudo, cun orzamento de case un millón de euros, inclúe dúas actuacións fundamentais: unha campaña xeolóxica e xeotécnica e a descrición da solución técnica, adaptada á normativa actual. Dará continuidade aos estudos hidroxeolóxicos xa realizados para este tramo que o Ministerio cualifica como de “complexidade técnica”.

Descargar todas as imaxes