O PXOM, pendente do informe do secretario e do interventor municipal para ser aprobado
O alcalde deu conta este luns da entrega do documento definitivo por parte do equipo redactor, de xeito que xa está nas mans do secretario e do interventor municipal para poder ser levado ao Pleno Municipal.

O alcalde vén de recibir de mans do equipo redactor do PXOM o documento na súa versión definitiva, de maneira que queda listo para o informe do secretario e do interventor municipal. Unha vez obtidos eses dous informes favorables, pasará pola Xerencia de Urbanismo e, posteriormente, someterase á aprobación do Pleno
“O PXOM xa está na rampla de lanzamento e será aprobado de forma inmediata”, avanzou Abel Caballero sinalando que “estamos ante un plan excepcional”, no que o tráfico se traza de maneira que evita os atascos e configura unha “adecuada mobilidade na cidade”.
O rexedor destaca que Vigo é a “primeira cidade de Galicia” con plan urbanístico adaptado á nova lei 2/2016 do solo e o máis importante é que “prevé a construción de 51.467 novas vivendas libres de especulación”, das que 14.000 terán algún tipo de protección e un número importante será de alugueiro, moitas a prezo taxado. Tal e como recolle o novo PXOM, as zonas verdes duplícanse e establécense zonas dotacionais para equipamentos deportivos, culturais e cidadáns.
Esixencia de inicio das obras en catro rúas de Navia
O alcalde referiuse este luns á situación de varias rúas en Navia “unha ampliación importantísima da cidade de hai 20 anos, onde se construíu e edificou unha zona con calidade de vida e ben dotada urbanísticamente polo Concello” pero na que hai catro rúas: Lamelas, Pedra Seixa, Limpiño e Poza do Cabalo que a Xunta ten “absolutamente destrozadas, coas árbores que rebentaron e en pésimas condicións. Levamos 10 anos pedindo que as humanicen porque non as imos admitir na forma actual”.
O Concello esixe ao goberno autonómico que empecen as obras “de forma inmediata” e que as catro vías sexan humanizadas “co estándar de calidade das humanizacións de Vigo” porque a cidadanía de Navia leva “20 anos esperando e a Xunta mira para outro lado”.
“Queremos que as humanicen porque é a súa obriga. Son da Xunta. Non imos recepcionalas neste estado porque son catro rúas indignas”, censurou o rexedor.