O Concello comenzará o 21 de abril a renovación dos dous colectores situados fronte á grada de Tribuna
Abel Caballero sinalou que “imos ir moi rápido” xa que “tiñamos que ser designados sede do Mundial 2030 o verán pasado” e un ano despois “por todo o que Louzán fixo, aínda non iniciamos a ampliación do estadio”. Sobre a obra dos colectores, destacou que “imos separalos uns 20 metros” do estadio municipal de Balaídos porque “non queremos que nada dificulte a construción da ampliación”.

“Na contorna do estadio municipal hai dous colectores de saneamento, entre a avenida de Balaídos e Pablo Iglesias, que pasan xusto por diante da Tribuna”, comezou relatando o alcalde vigués, ao explicar que “teñen serios problemas, xa que presentan algúns tramos con pendente negativa e acumulan sedimentación que dificulta o desaugue”, polo que “teñen que ser cambiados”. Actualmente, o Concello xa ten iniciada a redacción do proxecto construtivo de renovación dos dous colectores, que permitirá mellorar o funcionamento hidráulico nesta contorna.
Os colectores teñen unha lonxitude de 200 metros e, aproveitando a realización desta obra, “imos separalos uns 20 metros” da grada de Tribuna porque “non queremos que nada dificulte a construción da ampliación”. Caballero avanzou que a obra vai comezar o 21 de abril coa campaña xeotécnica, a execución de sondaxes, a identificación de servizos e o estado do terreo. Deste xeito poderase confirmar "a viabilidade do método construtivo” coa intención de que sexa mediante “un topo ou un sistema subterráneo”.
Abel Caballero sinalou que “imos ir moi rápido” xa que “tiñamos que ser designados sede do Mundial 2030 o verán pasado” e un ano despois “por todo aquilo que fixo Louzán, aínda nos ten sen iniciar a ampliación de Balaídos ata os 43.500 espectadores”. Explicou que “cando se tome esa decisión, non queremos ter nada que dificulte os tempos e os prazos de finalización”.