Escoitar

Rematan as obras dos accesos á estación coa apertura do túnel entre a AP-9 e Vialia

Este martes 26 de novembro ás 6 da madrugada abre o túnel de conexión da AP-9 coa estación de Vialia. O importe do conxunto dos accesos foi de máis de 11 millóns de euros. “É unha conexión que permite aos vehículos que circulan pola AP-9 entrar na estación de Vialia sen ter que entrar na cidade”. O alcalde tamén deu conta da ocupación hoteleira da fin de semana, que foi do 86%.

luns, 25 nov 2024
Arquivo
Arquivo

O conxunto dos accesos á estación de Vialia remata coa apertura do túnel que conecta a AP-9 co aparcadoiro da estación de Vialia este martes ás 6 da madrugada. O alcalde deu conta da posta en funcionamento desde novo viario soterrado “que permite aos vehículos que circulan pola AP-9 entrar na estación de Vialia sen ter que entrar na cidade polo que alixeira o tráfico”. O investimento dos accesos á nova estación foi de máis de 11 millóns de euros.

Abel Caballero explicou que o novo túnel está dotado cun equipamento completo de instalacións para garantir a seguridade, como paneis de mensaxería, alumeado e ventilación, sistemas de deteccións de incendios e gases, sistema informático para a detección de fumes , megafonía, saídas de emerxencia e control de accesos.

“Mañá remata a gran obra de Vialia”, concluíu o rexedor.

Ocupación hoteleira

O alcalde tamén deu conta da ocupación hoteleira da fin de semana, que foi do 86%, un 93% só o sábado. Caballero dixo ser “elevada” a pesar do temporal. “Estamos cunha gran afluencia turística. Isto é emprego, economía e presencia no mundo con Nadal, un fenómeno inigualable”, subliñou.

Descargar todas as imaxes