O Pleno demanda á Xunta a gratuidade total dos libros de texto
A Corporación Municipal deu luz verde á moción socialista que demanda ao goberno autonómico a gratuidade total dos libros de texto para o alumnado galego e, amais, insta á Xunta a atender os centros educativos da cidade.
Cos votos favorables do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal do BNG, e o voto en contra do PP, o Pleno aprobou este luns a moción na que o PSdeG- PSOE instando á Xunta de Galicia a recuperar a gratuidade universal dos libros de texto no ensino galego.
A edil de Educación Olga Alonso entende que sexa “difícil aceptar esta medida para todo o alumnado galego porque constituíu todo un éxito do goberno progresista de Emilio Pérez Touriño” e que Feijóo eliminou ao chegar ao goberno da Xunta. Segundo expuxo, a gratuidade dos libros de texto, malia contar co esforzo de xestión do profesorado e co compromiso exemplar do alumnado e das familias, foi substituído por un sistema “máis caro, que non atende a totalidade do alumnado nin á totalidade do custo dos materiais”. Así reiterou a petición das comunidades educativas e entidades do sector para que a Xunta de Galicia faga unha “aposta decidida pola volta á gratuidade dos libros de texto e materiais curriculares porque todo o alumnado sairá beneficiado”.
Na sesión plenaria deste mes de novembro, quedou aprobada tamén a moción do grupo municipal socialista instando á Xunta de Galicia a atender os colexios de Vigo “que ten completamente abandonados” poñendo como exemplo os falsos teitos, cuxa substitución é necesaria. Tal e como apuntou a concelleira Olga Alonso, moitos centros educativos teñen a día de hoxe os falsos teitos de fibra de vidro cos que se construíron e amosan sinais de que é precisa a súa substitución así como o cambio das luminarias. Pero a “Xunta de Galicia ignora os sinais e as peticións dos centros educativos” vigueses, cando “as infraestruturas educativas e a calidade do ambiente interior é moi importante no ánimo dos docentes e do alumnado estudantes. Ter un ambiente apropiado é necesario para lograr os mellores resultados”. Saíu adiante cos fotos favorables de socialistas e nacionalistas e co voto en contra do PP.
Moción popular sobre a alta velocidade
Na sesión plenaria deste luns quedou aprobada, cos votos favorables dos populares e a abstención dos socialistas e nacionalistas, a moción na que o grupo municipal do Partido Popular demanda aos gobernos de España e Portugal que aceleren ao máximo a obra de conexión en AVE entre Porto e Vigo para que a data de finalización desta liña sexa no 2030, como ambos executivos acordaron nos cumios de Guarda (2020) e Viana do Castelo (2022). Así mesmo, instan ao Goberno de España a seguir avanzando coa máxima celeridade na obra da Saída Sur ferroviaria en túnel desde Vigo ao Porriño e continuar coa licitación da obra entre O Porriño e a fronteira portuguesa, ademais de acordar co goberno de Portugal o lugar de encontro ferroviario do AVE entrambos países.
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Miguel Martín, resaltou tamén a relevancia dentro da Unión Europea da liña Lisboa-Porto-Vigo-Valladolid (bypass de Olmedo)-Euskadi-Francia, creando un gran Eixo Atlántico ferroviario vertebrando no territorio peninsular e europeo.