Escoitar

Vigo urxe á Xunta a xestión dos fondos do PERTE da Economía Social e dos Coidados

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este luns, cos votos a favor dos concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG, e a oposición dos edís do PP, a moción do grupo socialista instando á Xunta a cumprir o mandato do Goberno de facilitar a participación dos concellos tanto na xestión como na execución dos fondos transferidos ao goberno galego correspondentes ao Plan de Reconstrución Transformación e Resiliencia da Economía Social e dos Coidados.

luns, 25 nov 2024

A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, denunciou, no Pleno celebrado hoxe, o “escurantismo e falta de transparencia” que aplica a Xunta a todos os proxectos incluídos no PERTE de Economía Social e dos Coidados, para o que recibiu do Goberno de España preto de 84 millóns de euros en diferentes liñas de axudas que contan cun investimento global de 800 millóns.

A edil socialista reprochou ao executivo galego a estratexia do silencio que foi utilizada como resposta desde o ano 2021 aos sucesivos proxectos presentados polo Concello de Vigo dentro dos fondos de resiliencia, entre os que se atopan a iniciativa para o Centro de Inclusión Social e Emerxencia Social encamiñada a desinstitucionalizar ás persoas sen fogar; un novo centro de atención social; e un proxecto tecnolóxico para atención aos maiores dependentes. “Todas as propostas tiveron por resposta a nada máis absoluta; o silencio máis absoluto; a falta de respecto institucional máis absoluto. Nin unha soa palabra da conselleira”.

Yolanda Aguiar incidiu en que nestes momentos segue aberta a incógnita sobre a que destina a Xunta os fondos europeos, “desde logo, a Vigo non, e desde logo, tampouco utilizando aos concellos para xestionar máis eficazmente os recursos por ser a administración próxima á cidadanía”.

A concelleira apela ao criterio de distribución territorial entre as entidades locais dos fondos do PERTE para urxir á Xunta a que transfira a Vigo o 12 por cento da cantidade percibida polo plan de Política Social e de Inclusión. Ademais, reclama información "inmediata, transparente e clara" dos proxectos que se presentaron e o estado de execución dos fondos transferidos".
Aguiar insiste en demandar unha resposta do goberno galego "aos reiterados requirimentos" presentados polo Concello de Vigo para participar nos proxectos propios de carácter social nos fondos transferidos polo Goberno a Galicia e a razón pola que ata o de agora non transferiu "nin un só euro" á administración municipal viguesa. 

Execución

O informe fiscalizador do Consello de Contas sobre a execución por parte da Xunta dos Fondos Europeos sinala que Galicia deixou sen executar o 50 por cento das asignacións, xa que dun total de “1.183 millóns concedidos só se executaron 560”. Desde o Consello de Contas conforman “un atraso considerable na execución efectiva dos proxectos europeos do novo marco 2021-2027, o que comporta a necesidade de efectuar retribucións financeiras desde o exercicio de 2021 a exercicios posteriores”. Ademais, sinala que esta situación “impide que as axudas estean a chegar á economía real”.

O informe recalca que “identificamos unha práctica contable pola que se rexistran baixas de crédito para a súa programación en exercicios contables posteriores o que desvirtúa a execución orzamentaria incrementando os índices de execución que en realidade son moi inferiores”. Yolanda Aguiar ve grave a situación pola que o Goberno de España penaliza á Xunta por non executar nin devolver 4,2 millóns de euros en axudas sociais para persoas dependentes” e que “ Galicia non executou nin un só euro das axudas para a accesibilidade en vivendas para persoas maiores, dependentes ou discapacitadas”.

Atención ás vítimas de violencia machista

O Pleno da Corporación aprobou na sesión de hoxe a moción presentada polo BNG para que tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Vigo aumenten os recursos dirixidos a atender as mulleres vítimas das violencias machistas. A edil nacionalista Ana Martínez pide ao goberno galego que aprobe e dote orzamentariamente un plan de reforzo dos recursos de saúde mental coa finalidade de que as vítimas conten con apoio psicolóxico. Ademais, insta a ampliar a rede galega de Centros de Información á Muller e a rectificar a privatización dos futuros centros de crises 24 horas de atención ás mulleres agredidas. Martínez demanda ao goberno local o aumento dos recursos das campañas de sensibilización en contra da violencia machista e o incremento da dotación do Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades. Ademais, propón un programa municipal de apoio ás vítimas, así como o reforzo do Centro de Información e a asignación dos recursos económicos necesarios para poñer en marcha un plan para eliminar a prostitución .

Descargar todas as imaxes