Declaración Institucional polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Luisa Ocampo Pereira, de Mulheres Nacionalistas Galegas, en representación do Consello Municipal da Muller leu no Pleno deste luns a declaración institucional con motivo da conmemoración do 25N.
O 25 de Novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, foi instaurado pola ONU para conmemorar o asasinato das irmás Mirabel, na República Dominicana. Isto obríganos a mirar de fronte esta realidade, a violencia que sofren mulleres e nenas, en razón do seu sexo. E ao mirar de fronte esta realidade encontramos as cifras da vergoña.
Mobilizámonos neste concello, polo número de mulleres asasinadas este ano en Galicia. Catro vítimas mortais do terrorismo machista, pero a nosa mirada ten que ir máis alá, a buscar as outras cifras da vergoña.
Son 43.075, os casos galegos de violencia machista seguidos polo sistema VioGén do Ministerio do Interior.
Son 7.483 as denuncias presentadas nos xulgados galegos ao longo do ano 2023.
Son 1.229 as ordes de protección ditadas nese mesmo ano.
Son 729 as mulleres con seguimento polo sistema ATEMPRO (servizo de atención e protección a vítimas de violencia machista).
Son 4.053 as mulleres maiores de idade prostituídas no noso país, só en pisos ou locais.
Son 914 os delitos xulgados contra a liberdade sexual e, destes, 114 corresponden a agresións múltiplas, as novas “manadas”.
A estas cifras, hai que sumar os centos de miles de testemuños, de casos relatados polas nosas irmás, fillas, nais, avoas, curmás, tías, amigas, veciñas..., que non chegan aos rexistros oficias. Todas e todos coñecemos esa realidade, esas cifras que falan dunha sociedade machista, que practica a violencia contra as mulleres.
. Corresponde ás institucións: aprobar e aplicar políticas que revertan estas cifras.
. Corresponde ás institucións: crear, manter e desenvolver as estruturas e servizos necesarios para a prevención e asistencia a vítimas.
. Corresponde ás institucións: revisar as súas estruturas e fundamento para limpar o machismo institucional.
. Corresponde ás institucións: garantir que os seus representantes practiquen co exemplo e non manteñan actitudes machistas ou negacionistas da violencia contra as mulleres.
. Corresponde ás institucións: aplicar políticas abolicionistas da pornografía e a prostitución, teoría e práctica da violencia machista.
. Corresponde ás institucións: marcar estratexias para que nos centros de ensino se transmitan os valores da coeducación, garantía de prevención da violencia machista.
. Corresponde ás institucións: illar ao machismo na súa programación cultural e deportiva e nas súas relacións e comunicacións coa cidadanía.
As mulleres e mozas, organizadas no feminismo, movemento que defende o seu dereito á igualdade e a unha vida sen violencia, conciencian á sociedade coa súa análise teórica e a sua práctica mobilizadora, e enfrontan un momento onde a reacción machista, pretende dar pasos atrás nos dereitos conseguidos.
Toca, desde o conxunto dos concellos galegos e da Xunta de Galicia, renovar o compromiso coas mulleres e mozas. Para conseguir un pais libre de violencias machistas, para que o próximo ano, cando corresponda mirar de fronte as cifras da vergoña, podamos mirar aos ollos a estas mulleres e asegurar “imos por bo camiño”.