Escoitar

O MARCO acolle unha exposición do arquitecto César Portela

Dentro da liña de programación do MARCO de Vigo, "César Portela, arquitecto" significa un importante punto de inflexión, xa que por vez primeira unha exposición monográfica se inclúe nas súas exposicións temporais, xeneralmente colectivas e temáticas.A exposición permanecerá aberta do 10 de outubro ata o 11 de xaneiro de 2004.

venres, 10 out 2003
1065789690portela1.jpg
Cesar Portela no Marco
Existe unha boa razón para esta novidade, pois outro dos obxectivos do MARCO é a pluridisciplinariedade, a necesidade de incluir na súa programación disciplinas clave para a estética contemporánea como a arquitectura, o deseño, o cine, os audiovisuais e tantas outras formas de expresión. Como é ben sabido, as exposicións colectivas ou temáticas sobre arquitectura son prácticamente inexistentes.

De ahí que se teña optado por este proxecto, pensado para achegar ó público a figura profesional e artística de César Portela, un dos arquitectos coa traxectoria máis interesante e internacional das últimas décadas en España.

A exposición concíbese como un itinerario por toda a súa obra, desde os primeiros traballos –como as paradigmáticas vivendas dos xitanos de Pontevedra– á Ponte "Azuma" en Xapón, o Proxecto do Bloque nº 14 do Malecón de La Habana ou a Estación de Autobuses de Córdoba, ata chegar ós seus derradeiros proxectos en Galicia: o Verbum–Casa das Palabras en Vigo, o Museo do Mar de Galicia en Vigo –proxectado na súa primeira versión con Aldo Rossi e finalizado por Portela–, o Cemiterio de Fisterra en A Coruña ou o proxecto do futuro Pazo de Congresos de Vigo.

A montaxe da mostra convirte as salas de exposición da primeira planta nun percorrido pola vida e obra do arquitecto, estructurado nos seguintes ámbitos temáticos/cronolóxicos/xeográficos:

1. Reconstrucción de interiores: o estudio do arquitecto
2. Obras en Vigo
3. Reconstrucción de interiores: muestrario dos materiais utilizados na súa obra
4. Obras en Galicia
5. Vivendas unifamiliares
6. Diaporama con imaxes do seu albume privado
7. Obras fóra de Galicia

As construccións de César Portela caracterízanse pola súa esencialidade, por unha especie de vontade de retorno ás orixes, por un neo-minimalismo ornamentado con fragmentos de pizarra como frescos ornamentais ou peles tatuadas que envolven os edificios e, ó mesmo tempo, pola necesidade de crear un orde dentro do contorno natural.

Conscientes de que o protagonista da exposición ten pouco que demostrar, o proxecto expositivo ten un marcado carácter didáctico e comunicativo, e a aprendizaxe da arquitectura a través da súa contemplación prima sobre calquera outro criterio. Para isto concibiuse un percorrido baseado en pautas cronolóxicas e de situación, que se apoia en maquetas, en reproduccións fotográficas dos edificios que forman series de cinco imaxes en distintos formatos, e na reproducción a grande escala de cada un dos edificios máis emblemáticos. As series fotográficas compleméntanse cun espacio destinado a videoproxeccións e unha sala de documentación, na que o visitante poderá obter máis información sobre a obra do arquitecto.

Especialmente novidosa resulta a recreación, dentro das paredes do museo, do estudio do arquitecto, para que os espectadores podan coñecer de primeira man as influencias estéticas, literarias, musicais, cinematográficas ou filosóficas na obra de César Portela ó longo de todos estes anos; ou mesmo as súas coleccións de máscaras e de exvotos mexicanos. Voyeurs e curiosos asomámonos ó seu lugar de creación, que nos desvela o contorno máis íntimo do arquitecto como "creador de mundos", con toda a responsabilidade que isto implica.
Descargar todas as imaxes

Máis información