Escoitar

"Un patrimonio actual" exposición itinerante sobre os oficios e a artesanía tradicional

O Concelleiro de Patrimonio Histórico, Xosé Carlos Arias, vén de presentar a programación de actividades de difusión dos oficios tradicionais do Centro de Artesanía Tradicional. Así, o CAT comeza a súa programación de outono cunha exposición itinerante que percorrerá as entidades sociais e culturais de Vigo e o seu contorno. Cada entidade poderá acoller esta mostra por un período de 15 días e irá rotando por todas aquelas que recollan as condicións necesarias para a mesma.

xoves, 9 out 2003
1065697510cat.jpg
Centro de Artesanía Tradicional
Exporanse paneis ilustrados e pezas realizadas por artesáns galegos que recollen oficios tradicionais: carpinteiros, teceláns, oleiros, goarnicioneiros, alabardeiros, canteiros, ferreiros e cesteiros achegando á xente este legado patrimonial transmitido de xeración en xeración. Como complemento da exposición a Concellería de Patrimonio Histórico conta coa disponibilidade dun artesán que fará unha demostración por cada asociación dalgún dos oficios anteriormente citados.

Aquelas asociacións que estean interesadas en acoller dita exposición deberán solicitalo chamando o teléfono 986 22 07 58.A continuación móstrase o itinerario para este trimestre: Asociación Mulleres Lúa de Bembrive do mércores 1 de outubro ata martes 14 de outubro; Asociación de Bouzas do mércores 15 de outubro ata mércores 29 de outubro; Asociación Cultural de Matamá do luns 3 de novembro ata luns 17 de novembro; Asociación O Carballo de Sárdoma do martes 18 de novembro ata martes 2 de decembro; Centro Cívico de Teis do mércores 3 de decembro ata venres 19 de decembro; Asociación de veciños de Valladares do luns 22 de decembro ata o 5 de xaneiro.

OS ESCOLARES VIGUESES PARTICIPAN NO CAT A TRAVÉS DO PROGRAMA DE DIFUSIÓN "DIDÁCTICA"

O vindeiro día 15 de outubro o CAT (Centro de Artesanía Tradicional) comeza coa programación didáctica dirixida a comunidade educativa de Vigo e a súa área metropolitana. Con esta programación proponse que os/as nenos/as coñezan e valoren o legado da tradición a través dunha realidade como é a artesanía. Unha realidade que encerra un patrimonio cultural, en moitos casos en vías de extinción. Por iso, considérase que as idades máis axeitadas ás finalidades expositivas deste centro son as dirixidas aos grupos de Educación Primaria (6-12 anos) e de Educación Secundaria Obrigatoria (12-14 anos) pois é nestas etapas cando se debe desenvolver a capacidade do pensamento lóxico e a do coñecemento do contorno social e natural do alumnado.

As visitas previamente concertadas telefonicamente terán unha duración de 90 minutos e serán guiadas por unha monitora de luns a xoves. Entre as capacidades a desenvolver están a de coñecer, valorar e respectar os bens artísticos e culturais así coma coñecer as actitudes e valores básicos da nosa tradición e patrimonio cultural.

O CAT tamén oferta visitas para aqueles grupos que estean interesados en coñecer este centro, para o que deberán concertar a visita con antelación.

Aqueles colexios, entidades ou asociacións interesados en visitar o CAT deberán chamar o número de teléfono: 986 22 07 58 en horario de 10:00 a 14:00

O CAT EXPÓN EN DIFERENTES SALÓNS DE GALICIA O SEU LABOR NA RECUPERACIÓN DOS OFICIOS TRADICIONAIS

O Centro de Artesanía Tradicional (CAT) adscrito o Servicio de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo asistirá ó II salón de Turismo, Artesanía e Gastronomía, "ExpoGalaecia 2003" que se celebrará no Instituto Feiral de Vigo –IFEVI- entre o 30 de outubro e o 2 de novembro. Tamén participará en "Galiemprego" que terá lugar en Santiago de Compostela do 13 ao 15 de novembro.

En ExpoGalaecia, o CAT contará coa colaboración dos artesáns, María Elena Ferro Lamela, zoqueira e Juan Antonio González Fernández, cesteiro, que realizarán actividades de demostración todos os días de 11 a 14h e de 18 a 21h, transmitindo o seu saber e bo facer no oficio.

Pola súa banda a presencia do Centro de Artesanía Tradicional e máis da Casa do Cesteiro en Galiemprego enmárcase na colaboración establecida entre as Concellerías de Patrimonio Histórico e Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo. Na mostra, ámbalas dúas Concellerías realizarán presentacións dos seus diferentes programas para o emprego.

Os obxetivos que persegue a Concellería de Patrimonio Histórico con estas participacións é contribuir á rehabilitación económica, cultural e comercial do Centro Histórico de Vigo, a través da promoción e desenvolvemento do sector artesán tradicional e protexer o Patrimonio Cultural dos Oficios Artesanais Tradicionais de Galicia, a través da súa investigación, promoción e divulgación.

O público asistente ós salóns poderá recibir información sobre as actividades que se están a realizar no CAT, así como recibir asesoramento e acceso ós servicios que o Centro presta.
Descargar todas as imaxes