Escoitar

Norman Pérez, novo xerente da Mancomunidade

A Mancomunidade de Vigo terá xerente despois de que este cargo estivera vacante durante algo máis de dous anos. Norman Pérez Sánchez-Orozco tomará posesión do seu cargo nos próximos días, despois de que un tribunal formado por representantes municipais de toda a Mancomunidade e de todos os partidos políticos o elixira o pasado luns día 6.

xoves, 9 out 2003
A pesares de que o Alcalde de Vigo ten atribucións para designar ao xerente, Ventura Pérez Mariño decidiu no seu día abrir un concurso público e nomear un tribunal para garantir a transparencia e darlle carácter plural á decisión. Deste xeito, o pasado día 5 de agosto aprobáronse as bases do proceso de selección que constaría de dúas partes: por un lado, un concurso de méritos e, por outro, unha entrevista persoal.

O tribunal estivo integrado polos alcaldes de Soutomaior, Agustín Reguera (PP); o de Fornelos de Montes, Serafín Martínez (PSOE); o de O Porriño, Raúl Francés (BNG), ademais do secretario da Mancomunidade, José Riesgo. A concelleira de Persoal do Concello de Vigo, María Luísa Graña, sustituiu como membro do tribunal ao Alcalde e presidente da Mancomunidade, Ventura Pérez Mariño, porque éste delegou nela ao considerar inapropiada a súa presencia, dado que un dos candidatos formara parte da súa lista electoral nas pasadas eleccións.

Os membros do tribunal decidiron que foran cinco dos 23 presentados os que pasaran á segunda fase da selección. A decisión final tomouse o pasado día 6 pola tarde, cando os membros do tribunal, despois dunha entrevista persoal, consideraron que a conxunción da experiencia profesional e os méritos convertían a Norman Pérez Sánchez-Orozco no candidato idóneo para cubrir a praza de xerente da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, na que se aglutinan doce municipios.