Escoitar
Moción que presenta ó Pleno ó Grupo Municipal de Democracia Progresista Galega

Moción sobre as catástrofes marítimas

O grupo municipal de Democracia Progresista Galega propon para o seu debate na Pleno da Corporación unha moción sobre as catástrofes marítimas e solicita á Xunta de Galicia a elaboración dun rigoroso Plan Territorial de Continxencias Marítimas.<br /> <br />

venres, 10 out 2003
Exposición de motivos:

Ten habido demasiadas catástrofes diante das costas do noso País como pra que non se establezan as previsións máximas posíbeis, por se volvese a ocorrer algunha desgracia dese calibre.

Na última que padecemos, a do Prestige, e mesmo sen entrar en consideracións sobre se foi oportuno ou non o move-lo barco mar dentro, coa conseguinte dispersión da vertedura e o seu máis ca previsible afundimento coas consecuencias logo ocorridas, non cabe dúbida que se notou unha gravísima indeterminación sobre que facer naqueles momentos, con opinións diferentes, e nalgún caso contradictorias, entre políticos e técnicos. É dicir, que non tiñamos un plan preventivo axeitado, con supostos de actuacións inmediatas pra eses casos.

Pretendemos aprender dos erros cometidos pra encararmos un futuro mellor, e por iso mesmo queremos comezar por toma-las decisións máis axeitadas dentro do marco legal vixente.

De feito, o Convenio Internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación por hidrocarburos de 1990, ratificado por España o 3 de Decembro de 1993 (B.O.E. de 5 de xuño de 1995), determina no seu artigo 6.1b a obriga de que os Estados asinantes establezan un Plan Nacional de loita conta a contaminación mariña.

Así mesmo no seu artigo 3, parágrafos 2 e 3, di que tanto as instalacións do interior, como os portos marítimos, e as instalacións marítimas de manipulación de hidrocarburos sometidas á xurisdicción dunha das partes do convenio, deberán dispoñer de PLANS DE EMERXENCIA pra casos de contaminación por hidrocarburos.

Estas respostas poderían darse se se aplicase O PLAN NACIONAL DE CONTINXENCIAS POR CONTAMINACIÓN MARIÑA ACCIDENTAL, Orde Comunicada do Ministerio de Fomento, de 23 de Febreiro do 2001, así como se a Xunta de Galicia dispuxese dun PLAN TERRITORIAL DE CONTINXENCIAS, e inclusive se o Concello de Vigo dispuxese dun Plan Local, como está recomendado polo citado Plan pra os municipios costeiros.

O tal Plan Nacional establece criterios e mecanismos suficientemente eficaces pra que, de ter sido posto en práctica, teriamos evitado que o que puido ser un mero accidente se convertese nunha das maiores catástrofes mariñas da historia da navegación. Neste sentido véxanse os epígrafes seguintes, que deberían estar perfectamente operativos:

CRITERIOS PRA ACTIVACIÓN DE DISTINTOS PLANS DE CONTINXENCIA

Derrame no mar de productos contaminantes desde un buque accidentado na costa: Activaranse o Plan Nacional e mailo Territorial. Os medios aportados polo Plan Nacional actuarán en apoio deste último, aténdose ó descrito no mesmo.

CRITERIOS PRA A COORDINACIÓN DE OPERACIÓNS ENTRE DISTINTOS PLANS DE CONTINXENCIAS

Cando estean activados conxuntamente o Plan Nacional cun Plan Territorial constituiranse:

1.1.- O Organismo Rector: Formado polo Delegado do Goberno e o Director do Plan Territorial de Continxencias.

1.2.- Coordinador de Operacións: Cada un dos Plans Interiores e Territoriais designarán a persoa da súa organización que, segundo os casos, terá ó seu cargo a coordinación de operacións dos Grupos de Resposta que figuren en ditos Plans (Interiores e Territoriais).

No caso do Plan Nacional, a coordinación recaerá sobre o Capitán Marítimo da zona afectada polo suceso.

1.3.- Centro de Operacións: En cada un dos Plans Interiores e Territoriais identificarase o Centro de Operacións de Emerxencia e os procedementos e protocolos de comunicacións cos Grupos de Resposta.

No Caso do Plan Nacional, o Centro de Operacións estará radicado no Centro de Coordinación Rexional de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación (CRCS-LCC), da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima.

1.4.- Grupos de Resposta (no mar): A cargo da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima cos seus medios materiais e humanos, que permiten tres labores principais: Salvamento de Vidas Humanas no mar, Operacións Marítimas de Descontaminación e Operacións Aéreas (vixilancia da progresión do derrame, obtención de probas gráficas, e aplicación de productos tensioactivos, como se pode ver o Punto 1.8).

1.5.- Dirección das Operacións na Costa: Asignada ó Órgano competente da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no correspondente Plan Territorial.

1.6.- Coordinación das Operacións na Costa: A cargo da persoa designada no correspondente Plan Territorial.

1.7.- Grupos de Resposta: Integrados por distintos organismos, institucións e empresas comprendidos no correspondente Plan Territorial, dos que as misións principais son: atención sanitaria a posibles feridos no sinistro, as operacións de loita contra a contaminación, avaliación da contaminación e recuperación do entorno natural, mantemento da orde e das condicións de seguridade nas zonas de operacións, descontaminación do litoral, transporte, almacenamento e tratamento de residuos, o apoio loxístico ós demais grupos existentes, así como a outros grupos que se considere necesario formar.

1.8.- Dirección das Operacións no Mar: Ten o seu cargo a alta dirección das operacións e maila institucional con outros organismos da Administración do Estado, sendo os seus cometidos específicos os seguintes:

1.8.1) Tomar as decisións xerais sobre as operacións de resposta e ordenar a súa execución.

1.8.2) Manter un contacto permanente co "Coordinador de Operacións Marítimas" e avaliar a situación de acordo co desenrolo dos acontecementos.

1.8.3) Establecer contacto con outros organismos, institucións e empresas, a fin de solicitar dos mesmos os medios naturais e humanos necesarios en cada fase das operacións.

1.8.4) Planificar e ordenar a execución de todas aquelas medidas que complementen ás operacións de resposta que sexan necesarias pra un rápido e eficaz desenvolvemento destas.

1.8.5) Redactar e ordenar a difusión dos partes informativos sobre o desenvolvemento das operacións e a situación da contaminación.

1.8.6) Dispoñe-las medidas de apoio ós grupos de resposta que sexan necesarias pra facilitar o traballo dos mesmos.

1.8.7) Intervir e aprobar os gastos que sexan necesarios realizar pra a execución das operacións de resposta.

1.8.8) Ordenar a apertura do correspondente Expediente Administrativo sobre o suceso.

1.8.9) As misións descritas nos parágrafos anteriores serán asumidas polo "Organismo Rector", no caso de que se encontren activados conxuntamente o Plan Nacional e un ou máis Plans Territoriais.

Dirección Executiva: O Subdirector Xeral de Tráfico, Seguridade e Contaminación Marítima (DGMM).

Dirección Operativa: O Director da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima.

Asesores Técnicos: Xefe do Servicio de Protección do Ecosistema Mariño (DGMM). Director de Operacións da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima.

Asesores Legais: O Subdirector Xeral de Política do Transporte Marítimo (DGMM).

1.9.- Coordinación das Operacións no Mar:

Coordinación de Operacións Marítimas.- O Capitán Marítimo da Zona afectada.

Coordinador Operativo.- O Xefe do Centro de Coordinación Rexional de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación (CRCS-LCC), da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, na zona onde se producise o suceso.

Auxiliares de Operacións.- O persoal da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima que a Dirección de Operacións desa entidade destine pra atende-la zona na que ocorra a emerxencia da contaminación.

Grupos de Resposta (no mar): Formarán parte dos mesmos as unidades navais e aéreas destinadas a combater a contaminación na zona (tanto as que teñan a súa base nesa zona, como as desprazadas doutras áreas próximas).

Ten o seu cargo a dirección das distintas operacións de loita contra a contaminación e o seguimento das accións dos diferentes grupos de resposta; a súa misión desenrolarase no "Centro de Operacións" e estará auxiliado polos demais membros do mencionado órgano de resposta. Entre os cometidos propios da Coordinación de Operacións cabe destacar os seguintes:

1.9.1) Dispoñer os tendidos de cercos e barreiras de protección e maila utilización dos medios de recollida e combate da contaminación, de acordo co "Plan Operativo" elaborado pola "Dirección das Operacións", introducindo as modificacións necesarias, de acordo coas circunstancias de cada momento e o resultado das accións emprendidas.

1.9.2) Manter continuamente informada á "Dirección das Operacións", cumprindo as súas disposicións e propoñendo as medidas técnicas que se consideren necesarias, de acordo cos demais membros do equipo de "Coordinación"

1.9.3) Solicitar da "Dirección das Operacións" os medios materiais e humanos que considere necesarios.

1.9.4) Dispoñer, de acordo coas instruccións recibidas e as consideracións técnicas precisas, o movemento e asignación de misións concretas ás unidades navais aéreas e terrestres que interveñan nas operacións.

COMPOSICIÓN DOS ÓRGANOS DE RESPOSTA NA COSTA E DISTRIBUCIÓN DE FUNCIÓNS

2.1.- Dirección das Operacións na Costa:

Cunha estructura similar á descrita pra as operacións no mar, a súa composición estará especificada nos correspondentes Plans Territoriais das Comunidades Autónomas litorais.

2.2.- A Coordinación das Operacións na Costa:

Cunha estructura similar á descrita pra as operacións no mar, a súa composición estará especificada no correspondente Plan Territorial.

2.3.- Os grupos de Resposta:

Formarán parte dos mesmos as persoas e medios materiais que en cada un dos PLANS TERRITORIAIS figuren adscritas á loita contra a contaminación na zona afectada (tanto as que teñan a súa base nesa zona como as desprazadas doutras áreas próximas).


Consideracións xerais:

Estes criterios, son especificacións con carácter de recomendacións técnicas relativas ós Plans Territoriais de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental pra, en cada caso, seren elaborados e aprobados polos órganos competentes das Administracións das Comunidades Autónomas costeiras, de xeito que se poida facilitar unha maior e mellor coordinación co Plan Nacional, e acaso con outros Plans Territoriais a través dos mecanismos que o propio Plan Territorial estableza.

Deberá contar cos medios, tanto materiais como humanos, facilitados pola propia Administración Territorial, así como os que poidan proceder doutras Administracións e Entidades, sexan públicas ou privadas, que se adscriban ó devandito Plan.

Dentro deses medios establecerase no Plan Territorial a creación dun Centro de Coordinación Operativa (CECOP) dende onde se faga a dirección e coordinación de todas as operacións de loita contra a contaminación na costa, establecendo as vías de enlace co Centro de Operacións Marítimas previsto no Plan Nacional.

É evidente en base a tódolo anterior que temos unha grande eiva neste importantísimo tema, polo que compre poñer mans a obra canto antes.

E coidamos que o Pleno debe constituír unha Comisión Especial plural pra acadar un resultado de consenso na elaboración da normativa máis axeitada. Por iso propoñémo-la fórmula da Comisión Especial, xa que dese xeito poderíamos incluír nela ós técnicos que as distintas forzas políticas e institucións consideremos máis convenientes (por exemplo, folga dicir que a participación do Porto e dos seus técnicos pode ser capital pra este asunto).


Consonte co antedito propoñemos:

1.- Pedirlle á Xunta de Galicia a elaboración dun rigoroso Plan Territorial de Continxencias Marítimas.

2.- Que, consonte co anterior, se estudie o lugar máis idóneo pra establece-lo Centro de Coordinación Operativa (CECOP) do Plan Territorial, dende onde se realizarán a dirección e coordinación de todas as operacións de loita contra a contaminación no mar, establecendo as vías de enlace co Centro de Operacións Marítimas Previsto no Plan Nacional.

3.- Que o Goberno de España constrúa de xeito inmediato un porto refuxio, no lugar da costa galega que teña unha mellor equidistacia no noso litoral, dotado coas características constructivas e coas tecnoloxías máis modernas e convenientes.

4.- Que con toda urxencia o Goberno de España encargue e poña en funcionamento un buque anticontaminación con sede nun porto galego.

5.- Que o Concello constitúa unha Comisión Especial co obxectivo de elaborar un Plan Local de Continxencias Marítimas en Vigo. A súa composición deberá ser decidida por consenso na Xunta de Portavoces.

6.- Que, ó desenvolver o punto anterior, se estableza o Centro de Coordinación Operativa (CECOP) local de Vigo, e se nomee un Coordinador Local, de conformidade co previsto pra os Plans de Continxencias Marítimas Locais. Todo isto sen prexuízo da coordinación que se debería establecer no conxunto da Ría de Vigo.


En Vigo, a 9 de Outubro do ano 2.003.


Por Democracia Progresista Galega
Xulio Alonso
Concelleiro