A APP Vigo incorpora toda a información sobre o Nadal na cidade
A aplicación do Concello habilita, como cada ano por estas datas, unha sección específica con información de utilidade para coñecer a oferta completa do nadal vigués que experimenta neste 2022 “un éxito inconmensurable”.
O alcalde argumentou este venres que o “éxito inconmesurable do Nadal en Vigo, co que estamos encantados” se debe, en boa parte, polas cifras que achega a ocupación hoteleira. Somos, apuntou, “a cidade de España con máis nivel de ocupación a próxima semana. O nivel de ocupación de hoteis é o máis alto de toda España durante case dez días”, segundo lle trasladou o sector.
Para dar servizo ao interese informativo que esperta a oferta de Nadal da cidade, o Concello vén de incorporar na APP VIGO unha nova sección dedicada á oferta de actividades, roteiro polos diferentes elementos, horarios, mesmo contos para os máis pequenos de casa.
Nas actividades recolle máis de 40 eventos; nas atraccións: os carruseis, tren de nadal, a noria, as atraccións, exposicións, circo de nadal; os mercados do Nadal: Cíes Market e Calvario; o Belén monumental en Casa das Artes; os elementos lumínicos: árbore, caixa, boneco de neve; unha ruta interactiva polos puntos de interese do Nadal de Vigo; elementos expositivos: adornos e sets do Nadal; Photocall; Papá Noel e os Reis Magos; vídeos da canle de Youtube do Nadal e vídeos para os máis pequenos da casa con contos narrados en actividades municipais.
Tal e como expuxo o rexedor, a APP Vigo ten “un inmenso éxito”, sendo utilizada cada mes por máis de 40.000 usuarios e sendo empregada tamén por “ducias de miles de turistas que veñen á cidade e que se guían con ela”. A aplicación viu recoñecido o Premio Cidadáns 2019 polo seu bo funcionamento e calidade técnica.