Escoitar

O Concello lanza o concurso de microcurtametraxes “Historias do Nadal de Vigo en 90 segundos”

O alcalde presentou o certame este xoves xunto a Amaia Mauleón, responsable da Vigo Film Office, salientando a “ilusión” depositada nesta primeira edición coa que se quere incentivar a creación audiovisual arredor do Nadal de Vigo e potenciar a urbe como estudo de cinema.

xoves, 1 dec 2022

O Concello abre en colaboración coa Vigo Film Office, entidade dedicada á promoción da cidade como estudio de rodaxes, o I Concurso de Microcurtametraxes “Historias do Nadal de Vigo en 90 segundos” no que poden participar realizadores e afeccionados de tódalas idades creando pezas audiovisuais cun máximo de 90 segundos de duración.

O tema central da proposta municipal é o Nadal de Vigo, ese é o “requisito indispensable” para participar, podendo crearse historias de calquera xénero. Así, as microcurtametraxes deben estar rodadas na cidade, arredor das localizacións da decoración navideña, a promoción da cultura, do patrimonio e do valor antropolóxico e histórico da festa do Nadal. Abel Caballero apuntou que “temos moita ilusión” posta neste concurso que se pon en marcha por primeira vez este ano.

Pola súa banda, Amaia Mauleón explicou que o certame será unha oportunidade para que que a cidadanía viguesa “se adentre na cidade con outra mirada”. Ademais, haberá un premio para propostas chegadas desde fóra de Galicia co fin de “que nos amosen a súa mirada”.

Tal e como expuxo o rexedor, os vídeos poden ser rodados con calquera tipo de dispositivo, co único requisito de que se desenvolvan no Nadal de Vigo e que non superen os 90 segundos. Entregaranse sete premios valorados nun total de 2.600 euros nas seguintes categorías: mellor microcurta, Mellor microcurta dunha escola de audiovisuais, microcurta máis orixinal, Mellor microcurta de animación, Premio do Público á microcurta máis votada. Mellor microcurta realizado por un menor e Mellor microcurta dun autor de fóra de Galicia.

O prazo de presentación dos vídeos comeza este xoves, 1 de decembro e remata o 10 de xaneiro. As pezas debderán enviarse a unha plataforma aloxada na páxina web da Vigo Film Office (www.vigofilmoffice.com) na que todos os participantes que cumpran coas bases poderán visualizar os seus vídeos durante as datas nas que estea aberta a convocatoria. Do 1 ao 15 de febreiro, o público poderá votar entre os vídeos seleccionados, de onde sairá o Premio do Público. Os gañadores no resto de categorías serán elixidos por un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e membros da Vigo Film Office e do Concello de Vigo.

Descargar todas as imaxes