Escoitar

A corporación municipal rexeita por unanimidade as violencias machistas

O Pleno comezou coa declaración institucional polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que correu ao cargo de Concepción Regueiro Digón, da Asociación Mulleres Progresistas, colectivo integrante do Consello Municipal da Muller. Tamén aprobouse por unanimidade facer de Vigo unha cidade libre de violencias machistas en todos os espazos, públicos e privados.

mércores, 30 nov 2022

Un ano máis, reunímonos neste espazo plural e representativo para a tarefa tan ingrata de recordar unha realidade adversa. A violencia contra as mulleres continúa a ser un grave problema a todos os niveis, aínda a pesar dos avances conxuntos das últimas décadas en España que permitiron establecer unha rede institucional de loita e apoios, ou mesmo poñer en evidencia a gravidade da situación desde os distintos axentes sociais. No seu momento, o apoio unánime das forzas políticas á Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero colocábanos nunha situación de vangarda nese eido, pero os feitos dos últimos tempos veñen demostrar que este é un asunto que segue a esixir a reivindicación e o posicionamento constante.

Entre os diversos exemplos, vemos que no 2021 se produciu un incremento do 3,2% das vítimas de violencia de xénero ou que no segundo trimestre de 2022 as denuncias por violencia machista aumentaron en Galicia case un 10%. Dous fríos datos estatísticos que non deixan de reflectir o importante camiño aínda por percorrer na eliminación deste grave problema, no que resultaría imprescindible a implicación de todas e de todos.

Porén, en España estase a dar nos últimos tempos un cuestionamento desde determinadas correntes ideolóxicas sobre a propia natureza da violencia contra as mulleres, igualándoa a outras desde a falacia de que non pode haber unha clasificación destas. E incluso impulsando a diminución e ata a supresión das diversas medidas de loita contra a violencia de xénero, co grave prexuízo que isto supón para a situación de moitas mulleres e o evidente paso atrás que tales decisións significan na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

A actualidade parece querer dicirnos que as vellas ideas misóxinas seguen aí sen ánimo de marchar, e noticias como os cánticos machistas dun colexio maior de Madrid ou a moda perversa das picadas nas discotecas a mulleres de xeito aleatorio veñen evidenciar a persistencia dunha concepción das mulleres como obxectos sen vontade ou capacidade de decisión aos que atemorizar ou ao mero servizo dos homes para o seu goce e deleite. Feito este especialmente grave se temos en conta que se produce entre membros das xeracións máis novas, ás que cabería suporlles unha actitude distinta neste asunto. A normalización da violencia ou a banalización dunha cultura da violación son actitudes moi perigosas que se poden distinguir nestes dous sucesos e reafirman o patriarcado nos seus aspectos máis funestos. O certo é que se está observando nos últimos tempos un retroceso nos valores de igualdade e de exacerbación dun negacionismo sobre a violencia de xénero entre mozas e mozos que están a indicar a importancia da educación en todas as súas vertentes como principal fórmula da súa prevención. En tempos como os actuais non se pode dar por suposto que tales cousas están xa sobrepasadas. Resulta imprescindible formar a nenas e nenos activos fronte á violencia e futuros garantes da igualdade entre mulleres e homes como as persoas adultas do mañá ás que deberá quedar este mundo.

Finalmente, dicir que a solidariedade debe mandar en todas as nosas accións, e, por iso, non debemos esquecer nun día como o de hoxe a loita das mulleres de tantos e tantos países, simbolizada na das afganas e na das iranianas por dereitos tan fundamentais como esa educación que sistematicamente se lles nega ou en detalles tan incuestionables para nós como poder ir pola rúa como lles pete. A violencia con que son respondidas e a que elas seguen a enfrontarse tan valentemente convérteas en exemplo e guía moral para o resto do planeta e obríganos a todas e todas a elevar a voz e colaborar en todo o posible na súa batalla.

E remato, non sen antes lembrar a todas e cada unha das vítimas desa violencia que se ceba nas mulleres polo simple feito de selo. Non perdamos nunca de vista que unha sociedade só pode ser xusta se é xusta con todos e todas as que a conforman.

Mocións

O Pleno aprobou por unanimidade o compromiso do Concello para ter unha cidade libre de violencias machistas, na que o Grupo Mixto solicitou ao goberno local reforzar medidas, instalación de puntos violetas, desenvolver protocolos de actuación concretos, instar á Xunta ao aumento dos recursos económicos destinados á loita contra a violencia de xénero e ampliar a rede de Centros de Información ás mulleres. Tamén un dos puntos aprobados condenan os insultos e ataques vertidos sobre a ministra de Igualdade, Irene Montero. A moción do edil non adscrito tamén se aprobou cos mesmos obxectivos.

Descargar todas as imaxes