Escoitar

Vigo solicita ao presidente da Xunta que explique o intento de deixar a cidade fóra do Plan de Sustentabilidade Turística

A moción socialista recolle que “á hora de cualificar estes proxectos, prodúcese unha situación absolutamente indignante”. Foi aprobada na sesión plenaria deste mércores cos votos favorables do PSOE; a abstención do Grupo Mixto e do concelleiro non adscrito e co voto en contra do PP.

mércores, 30 nov 2022

A tenente de alcalde e concelleira da Área de Economía; Fondos Europeos; Patrimonio e Emprego, Elena Espinosa, expuxo que Concello de Vigo presentou varios proxectos no marco do Plan de Sustentabilidade Turística no marco da convocatoria de fondos Next Generation EU. Cando chegou o momento de avalialos, “a Secretaría de Estado de Turismo e a FEGAMP, outorgan 85 puntos, e a Xunta só asigna 57 puntos, por debaixo do mínimo de 70” indica Espinosa, que engade que, “logrouse evitar a exclusión do proxecto, logrando unha puntuación media de 73,8 puntos, grazas aos votos dos outros dous entes”. A moción afirma que é unha votación dirixida politicamente contra a cidade de Vigo e sen ter en conta a calidade dos proxectos, formando parte da campaña permanente de castigo a cidade do presidente da Xunta.

Moción sobre a peaxe da AP9

A Corporación Municipal de Vigo aprobou unha moción para instar o Goberno central a que adopte as medidas necesarias para conxelar as peaxes da AP-9. Esta iniciativa saíu adiante cos votos a favor do grupo popular e a abstención do PSOE, grupo mixto e o concelleiro non adscrito. Defendida polo portavoz dos populares, Alfonso Marnotes, explicou que “é razoable que o Goberno adopte medias”. A concelleira socialista María José Caride engadiu que “hai que traballar nunha solución” que pase pola necesidade de negociar coa concesionaria para evitar que as peaxes poidan seguir subindo.

 

Descargar todas as imaxes