Escoitar

Seguen as Xornadas de homenaxe a Alexandre Bóveda

Unha mesa redonda na que participarán Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Avelino Pousa Antelo que se celebrará o xoves 26 de xuño ás 12:00 na Casa Galega da Cultura analizará diversos aspectos do labor de Alexandre Bóveda, no marco das xornadas conmemorativas do seu centenario.

mércores, 25 xuñ 2003
O historiador da fundación Uxío Breogán Diéguez explicou o martes 24 de xuño no relatorio titulado "Alexandre Bóveda ou a loita pola Estatuto de Autonomía" que Bóveda realizou estudios arredor do que que aportaba en impostos Galicia ás arcas do Estado e do que investía este en Galicia "e demostrou con cifras a desfavorable relación económica do país co Estado español nun rigoroso traballo".

"Chega a primavera de 1932 e, baixo a iniciativa de Alexandre Bóveda e Enrique Rajoy Leloup, o alcalde de Santiago de Compostela, Raimundo López Pol, convoca a unha xuntanza a todos os representantes de concellos galegos, a denominada Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto do 17 ao 19 de decembro dese ano", explicou Diéguez.

O historiador referiuse tamén a que "Bóveda tivo no marco desta asemblea, como redactor, representante e defensor da ponencia oficial unha gran responsabilidade, tal e como se ten sinalado, púxose nesta asemblea de manifesto a vontade férrea e o talante luminoso de Bóveda, horoe daquelas xornadas".

Estas xornadas de homenaxe a Alexandre Bóveda, organizadas coa colaboración do Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, principiaron a semana pasada cunha conferencia a cargo do fillo do galeguista e outra do catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Xusto Beramendi. Os actos organizados en Vigo concluirán cunha actuación da Coral Casablanca o venres 27 de xuño ás 20:15 no auditorio municipal situado na praza do Rei.