Escoitar

O alcalde trasládalle a José Miñones a “magnífica” relación de Vigo co Goberno de España

Abel Caballero e o delegado do Goberno en Galicia mantiveron o seu primeiro encontro este xoves no Concello no que acordaron “intercambiar opinións de forma continuada” e manter unha relación fluída coa colaboración precisa para o desenvolvemento dos proxectos do Estado.

xoves, 29 abr 2021

O alcalde agradeceu a José Miñones que “tome a Vigo como referencia de grandes concellos en Galicia e España” ao elixir a cidade para ter esta primeira reunión e transmitiulle que a relación da cidade coa delegación e co Goberno de España é “óptima, magnífica; a mellor relación histórica nunca da cidade co Goberno”.

Caballero expúxolle ao delegado do Goberno en Galicia que tanto o presidente Pedro Sánchez como os ministros “aceptaron tódalas peticións que fixen desde a alcaldía”, peticións que quedaran “bloqueadas” durante os gobernos do Partido Popular. Así o rexedor enumerou algúns deses proxectos desbloqueados froito do “diálogo permanente co goberno español”: o AVE por Cercedo, a saída sur ferroviaria para a conexión con Portugal asumido polo Goberno de España, o desbloqueo da autovía a Porriño que se atopa en estudo, a Biblioteca do Estado aprobada, a cesión do edificio para a biblioteca de Teis ou a cesión de 3 quilómetros de vía do ferrocarril.

Coa pretensión de manter unha relación fluída e intercambiar opinións de forma continuada, o rexedor pediulle a José Miñones que “preste atención a Vigo e estou seguro de que o fará” e trasladoulle unha das principais preocupacións da cidade que é “o serio problema do abastecemento de auga”.

 


O delegado do Goberno salientou a “boa sintonía” do encontro, “a cordialidade que quero trasladar e que vai existir entre a delegación e o Concello, coa máxima colaboración do alcalde para tratar de buscar as liñas de acordo”. Así mesmo, puxo en valor que o goberno de Pedro Sánchez estea desbloqueando “asuntos históricos, o Goberno está presente e está dando saída ás demandas de veciños e veciñas, con partidas orzamentarias concretas”, citando como exemplo desta actuación a estación de Vialia.

Descargar todas as imaxes