Escoitar

O novo Pxom guiará o modelo urbanístico da cidade cun alto grao de consenso

O equipo redactor do Plan xeral de ordenación municipal entregou o documento revisado do que se farán catro copias en formato dixital para a toma de coñecemento dos grupos municipais que conformarán a nova Corporación de cara a guiar o novo modelo urbanístico da cidade.

xoves, 12 xuñ 2003
O concelleiro de Urbanismo en funcións, Xavier Toba, afirmou que trala entrega do documento no mes de maio foi revisado polo xerente Javier Rivas e o seu equipo e quedou preparado para a entrada en coñecemento por parte da nova Corporación. Con esta medida, evitouse falar do futuro urbanístico da cidade na campaña, xa que era "profundamente arriscado e imprudente presentalo para o debate electoral".

Toba deulle instruccións ao equipo redactor para a elaboración de catro copias en formato dixital para os grupos municipais. "A xestión deste documento quedará en mans do novo alcalde a partir do luns 16 de xuño", sinalou Toba.

O arquitecto Juan Ignacio Zumárraga, director do equipo de Consultora Gallega, afirmou que pasaron 20 meses desde a contratación do plan o 5 de outubro de 2001. "Despois de moitos meses de participación, preséntase este documento adaptado á nova Lei do solo e cun alto nivel de consenso cos axentes sociais e económicos da cidade", destacou.

"Coa presentación do avance axustáronse aspectos que serviron para enriquecer o seu contido e produciuse un reaxuste entre o Vigo virtual dos planos ao real entendido como un conxunto que a todos implica", dixo. "Con este plan iníciase un proceso transformador de desenvolvemento económico e favorecedor do benestar social en Vigo, materializado en regulamentos xurídicos de xeito realizable, cuantificable e executable", afirmou Zumárraga.