Escoitar

O Concello demanda á Xunta o IES de Navia e resolver as comunicacións do barrio coa cidade

O alcalde esixe ao goberno autonómico que faga o instituto "de forma urxente" amosando a disposición do Concello a poñer o solo para desenvolvelo e lémbralle que debe deseñar a entrada e saída de Navia, unha zona incomunicada co resto de Vigo.

martes, 6 out 2020

Abel Caballero trasladou este martes á Xunta de Galicia que "o primeiro que ten que facer de forma urxente" é un instituto en Navia, unha vez que xa que o goberno autonómico anunciou o inicio da segunda fase do polígono de Navia, con 1.600 vivendas, un plan "conxunto coa cooperación do Concello".

O rexedor expón a urxencia desta dotación educativa dado que o alumnado de Secundaria ten que desprazarse oito ou dez quilómetro de distancia da súa residencia para poder cursar este nivel cando a zona de Navia é a de "maior poboación nova de Galicia e non teñen instituto", amosando a disposición do goberno municipal que "dará gratis o solo" á Xunta.

Ademais, Caballero esíxelle á Xunta que resolva as comunicacións de Navia, "incomunicado co resto de Vigo". Con ese fin enviará "todo o plan para facilitar a saída e entrada no barrio e que non sexa un illote rodeado doutras estradas", unhas obras que, apuntou, corresponden á Xunta de Galicia e ao Goberno de España.

O alcalde referiuse tamén á visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ao Casco Vello na que propuxo que o Concello expropie máis inmobles para continuar a recuperación da zona. Caballero asegura que o Consorcio "non vai máis a présa porque non ten recursos e emprega aínda aqueles cos que o dotou o goberno de Emilio Pérez Touriño hai 12 anos". O Concello solicitou hai dous anos que a Xunta capitalizase o Consorcio con 5 millóns de euros adicionais pero esta proposta foi rexeitada.