O alcalde esixe “responsabilidades políticas” a Feijóo pola “obrigada” fusión das caixas
A Audiencia Nacional asevera nun auto que o rescate da caixa resultante debeuse á “situación económica financeira na que se atopaba Caixa Galicia antes da fusión”, e engade: “Caixanova nunca tería sido intervida se non se vira obrigada a fusionarse con Caixa Galicia”. Abel Caballero recordou a oposición a unha operación impulsada pola Xunta e demandou “explicacións” a Feijóo.
O alcalde esgrimiu este martes o auto de 1 de outubro da sección 2 da sala do Penal da Audiencia Nacional para esixir de novo “explicacións” e “responsabilidades políticas” ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, polo resultado da “obrigada” fusión das caixas de aforro galegas, Caixanova e Caixa Galicia, finalmente rescatada polo Estado con 9.000 millóns de euros e vendida logo á matriz da actual Abanca por 1.000 millóns.
Caballero apoiouse nun auto xudicial que asegura que as axudas públicas recibidas no 2010 pola entidade resultante da unión foron o resultado “da situación económica financeira na que se atopaba Caixa Galicia antes da fusión”. A sala do Penal da Audiencia Nacional engade outra valoración sobre a saúde previa de ambas firmas: “Caixanova nunca tería sido intervida se non se vira obrigada a fusionarse con Caixa Galicia”.
Á tenor deste pronunciamento xudicial “demoledor”, o alcalde de Vigo esixiu que Núñez Feijóo dea hoxe mesmo “explicacións” e indique a “responsabilidade política” que pensa asumir como presidente da administración pública que promoveu unha fusión “obrigada”, en virtude da Audiencia Nacional. “É políticamente responsable da maior catástrofe financeira da historia de Galicia”, afirmou.
Abel Caballero recordou a súa oposición á operación financeira, convocando incluso unha multitudinaria manifestación polas rúas da cidade co respaldo de miles de persoas baixo o lema “En defensa de Vigo, non á fusión das caixas”. “Xa sabemos a verdade”, explicou o alcalde: “Veño dicindo desde 2009 que utilizaron Caixanova para tapar o inmenso buraco que tiña Caixa Galicia, nunha decisión do señor Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, en contra desta cidade”.
“Non era o mellor para Vigo nin era o mellor para Galicia”, asegurou Caballero sobre a operación, “porque conduciron á fusión ao resultado que todos coñecemos, a caixa fusionada acabou como todos sabemos: Feijóo ten que saír hoxe mesmo a dar explicacións”.