O goberno local inicia accións formativas do programa “Vigo pola inserción laboral”
O Concello de Vigo abriu esta semana dúas novas iniciativas do proxecto “Vigo pola inserción laboral”, previsto nas axudas do Fondo Social Europeo destinadas a entidades locais para a inserción das persoas máis vulnerables. Nas vindeiras semanas poranse en marcha tres novas accións formativas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes sobre as iniciativas de formación postas en marcha este mesmo luns dentro do proxecto “Vigo pola inserción laboral”, previsto con axudas do Fondo Social Europeo destinadas a entidades locais para a inserción das persoas máis vulnerables, no contexto do programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE).
Así, o Concello de Vigo puxo en marcha este luns dúas novas iniciativas para a inserción das persoas máis vulnerables tras a parada motivada pola pandemia do Covid-19. Os itinerarios formativos, cunha asistencia de 22 persoas, foron os de actividades de venda e organización e xestión de almacéns.
Ademais, está previsto iniciar outras tres accións formativas: Operacións Básicas de Cociña o 13 de outubro (asistencia máxima de 15 persoas); Atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais o 9 de novembro (15 persoas) e Soldadura oxigás e soldadura MIG/Mag o vindeiro 23 de novembro (15 persoas).
As persoas interesadas en participar en algún dos itinerarios formativos poden solicitar información no correo ofi.emprego@vigo.org ou no teléfono 986 810 232. O alcalde explicou que o importe total do proxecto é de 2,1 millóns de euros, dos cales o Fondo Social Europeo pon o 80% e outro 20% corre a cargo do Concello de Vigo.
As persoas destinatarias do programa son desempregados inscritos como demandantes de emprego, empadroados en Vigo e pertencentes a colectivos vulnerables.