O Concello avanza na rehabilitación dos edificios situados fronte á basílica de Santa María
O Boletín Oficial da provincia de Pontevedra publica hoxe a aprobación definitiva da declaración de área de rehabilitación prioritaria do conxunto de seis edificacións, polo que xa pode iniciarse o proceso de expropiación no caso de non chegar a acordo cos propietarios.
O alcalde explicou que o obxectivo municipal é acadar acordos cos propietarios dos seis inmobles afectados, situados enfronte da basílica de Santa María e, no caso de que isto non sexa posible, empregar a vía expropiatoria para poder acometer a “gran rehabilitación do conxunto”, xa que o estado actual é “intolerable nunha zona tan notable na cidade”.
Caballero sinalou que, de xeito paralelo, o Concello desenvolverá un concurso de ideas para a rehabilitación conxunta de toda a fachada, xa que os seis inmobles van considerarse como un único edificio.