Escoitar

Caballero inaugura no MARCO a nova exposición de Celeste Garrido como "a mellor forma de achegarse ao feminismo”

O alcalde de Vigo inaugurou este venres no MARCO a mostra “Os teus ollos din o que a túa boca cala”, da artista galega Celeste Garrido. A exposición estará aberta na sala de proxectos do primeiro andar do museo vigués ata o vindeiro 14 de febreiro.

venres, 2 out 2020
O alcalde, durante a súa intervención
O alcalde, durante a súa intervención

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este venres no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) a exposición “Os teus ollos din o que a túa boca cala”, da artista galega Celeste Garrido, e animou a todos os vigueses a visitar a mostra como "a mellor forma de achegarse ao feminismo”.

“Entusiásmame a túa convicción e a túa obra, temos unha nova e presente realidade, Vigo ten paixón pola cultura e o MARCO está nunha nova etapa de fortalecemento e revolución permanente”, sinalou o rexedor durante o seu discurso. Ademais do alcalde e a artista, no acto de apertura tamén estiveron presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o concelleiro de Cultura, Abel Losada; o director do MARCO, Miguel Fernández Cid, e a comisaria da exposición, Pilar Souto.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación enxalzou a mostra de Garrido “imprescindible para o conxunto da sociedade porque representa o 52% da poboación, representa ás mulleres, é unha mirada de igualdade, unha aposta pola cultura e o feminismo”. Amais, Carmela Silva agradeceu a aposta do MARCO pola cultura e sinalou que “a cidadanía despois desta terrible pandemia global está facendo unha reordenación das grandes prioridades e a cultura é unha delas”.

A exposición quedou aberta ao público na sala de proxectos do primeiro andar do museo vigués, onde será visitable ata o vindeiro 14 de febreiro. “Os teus ollos din o que a túa boca cala” é un proxecto específico para o MARCO, intimamente relacionado coa identidade e con cuestións de xénero, e está deseñado a partir dunha coidada selección de obras en distintos formatos —na súa maioría de nova produción— que constrúen un relato en torno á temática do corpo como material, como soporte, como suxeito e como receptor, con especial alusión ao corpo feminino e ao vestido como símbolo.

Celeste Garrido (Marín, Pontevedra, 1972) ten unha ampla traxectoria en proxectos teóricos e expositivos moi relacionados coa identidade e con cuestións de xénero. A artista, que agradeceu a todas as persoas alí presentes e ás que colaboraron na súa exposición, reivindicou que “é fundamental apoiar a cultura, que asistamos aos museos e que volvamos á normalidade dentro do posible”.

Descargar todas as imaxes