Escoitar

A remodelación da Baixada á estación comezará en xaneiro cun orzamento de case dous millóns

O goberno local avanza na tramitación da remodelación de Baixada á estación e mañá aprobará o proxecto, dotado de 2 case dous millóns de euros. Está previsto que as obras comecen en xaneiro de 2021 e se alonguen durante 6 meses.

xoves, 1 out 2020

A Xunta de goberno local aprobará mañá o proxecto de remodelación do entorno da rúa Baixada á estación cun orzamento de preto de dous millóns de euros. A adxudicación está prevista para principios de decembro e as obras desenvolveranse durante seis meses a partir de xaneiro de 2021, data de comezo.

Os traballos realizaranse en dúas fases, empezando pola zona que afecta máis á rúa, coa retirada de mobiliario urbano e demolición de beirarrúas, ademais da renovación de redes e canalizacións previas á pavimentación. Nun segundo estadio, traballarase na zona da propia praza, coa reposición da fachada da antiga estación nun dos muros, co obxectivo de recuperar parte da historia da cidade, explicou o rexedor. O proxecto contempla a adecuación dos espazos para a posterior instalación do ascensor que unirá a estación con Vía Norte.

Taxi

Outro dos asuntos que se abordará o goberno local na súa reunión semanal será o bono taxi, unha subvención destinada a proporcionar un medio de transporte adaptado a persoas afectadas por graves discapacidades na súa mobilidade. O importe concedido ascende a 20.000 euros para atender a un centenar de beneficiarios que reciben, en función da súa renda, entre 100 e 300 euros de axuda.