Vigo aproba a ordenanza que permitirá instalar ascensores en fachadas
O Pleno validou a normativa que dará cabida legal aos elevadores no exterior dos edificios colectivos xa construídos e que non ofrecen a posibilidade de habilitalos no interior. A edil de Urbanismo explicou que o obxectivo da medida é garantir a igualdade e a accesibilidade de todos e todas.
O Concello levou este mércores ao Pleno da Corporación a aprobación inicial da ordenanza para a instalación de ascensores e outros medios mecánicos de accesibilidade e mobilidade en edificios construídos de uso residencial colectivo e dotacional en Vigo, texto que foi ratificado pola unanimidade dos concelleiros e concelleiras. Abrirase agora un prazo de 30 días hábiles de exposición pública antes de que o Pleno poida debater a súa aprobación definitiva.
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que a norma procura solucionar un problema para persoas maiores e/ou dependentes, que quedan incomunicadas na casa ao non dispor de medios mecánicos no seu edificio, cuestión que afecta fundamentalmente a construcións dos anos sesenta, por exemplo no barrio de Coia.
A ordenanza regula a instalación de elevadores no interior, amplía as opcións para acometelo e especifica as condicións para facelo no caso dun edificio declarado Ben de Interese Cultural. No caso de que non sexa posible, o texto posibilita os ascensores en fachadas, establece as condicións para facelo, o procedemento para obter a licenza e as condicións mínimas nas que ten que quedar a vía pública afectada.
Concluíu a concelleira incidindo en que a ordenanza é “decisiva para garantir a igualdade e accesibilidade nas vivendas colectivas” da cidade, recordou que o Concello leva tempo traballando nesta liña e citou o programa municipal que concede axudas e subvencións para elementos de accesibilidade, como ascensores ou ramplas de acceso.
A proposta municipal obtivo o respaldo unánime de todos os grupos políticos. O edil non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, aseverou que a ordenanza beneficiará a ámbitos poboados como Coia e apelou a seguir avanzando cara a unha política integral de accesibilidade, retomando o Consello local na materia. O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, ve necesaria unha norma que incluso resolve problemas de convivencia nos edificios, mentres que o concelleiro do PP, Alfonso Marnotes, cualificouna de útil e tecnicamente correcta.