Escoitar

O Concello recibiu 5.562 solicitudes de bolsas de libros e comedor para o curso 2020/2021

O alcalde avanzou esta mañá que o Concello está a punto de outorgar as bolsas de comedor e libros para este curso escolar, unha vez tramitadas as 5.562 solicitudes recibidas. Como vén sendo habitual, non quedará ningún estudante que cumpra os criterios sen achega, dado que non hai límite orzamentario nesta partida.

martes, 29 set 2020

O Concello está a punto de resolver as solicitudes de bolsas de libros e comedor que recibiu para o curso escolar 2020/2021 e un ano máis, serán atendidas todas as peticións que cumpran os requisitos dado que non “hai límite orzamentario” nesta partida, lembrou o rexedor. Das 5.562 peticións, 3.846 son para achegas de comedor e 1.716, para libros.

Respecto do acordo alcanzado entre Foanpas e a Xunta de Galicia para prestar o servizo de comedores en Vigo, o alcalde “celebrou” o entendemento pero “lamentou” que a actitude do goberno autonómico impedira ás familias contar con este servizo neste mes de setembro. “Saudou” que haxa comedores escolares neste curso e felicitou ás Foanpas polo “magnífico” traballo que fan na cidade. O Concello outorga a esta entidade 606.000 euros, mentres que achega da Xunta é de 100.000 euros.