Escoitar

A maratón fotográfica Concello de Vigo celebra a súa 25 edición de xeito virtual

O alcalde, acompañado de Jesús Nieto, da Agrupación fotográfica galega, e do concelleiro de Cultura, Abel Losada, presentou este luns o certame que se celebrará o 10 e 11 de outubro marcado polo protocolo Covid.

luns, 28 set 2020
Presentación da XXV Maratón Fotográfica Concello de Vigo
Presentación da XXV Maratón Fotográfica Concello de Vigo

“Queremos que a fotografía siga ocupando o seu espazo na cidade” apuntou o rexedor, que se referiu á celebración este 2020 da vixésimo quinta edición da Maratón fotográfica Concello de Vigo que “celebraremos o ano que vén en condicións razonables”.

Jesús Nieto, secretario da Agrupación fotográfica galega agradeceu o apoio do Concello á maratón ao longo da súa traxectoria e sinalou a importancia de manter a actividade ao longo de 25 anos de xeito ininterrompido. Referiuse tamén ao Covid-19 que nesta edición muda o desenvolvemento do concurso xa que se fará todo virtualmente “co engadido de que calquera pode participar estea no lugar xeográfico no que estea”.

Abel Caballero explicou que a Maratón fotográfica Concello de Vigo vai desenvolverse o 10 e 11 de outubro, ao longo de 36 horas -antes eran 24-, con saída virtual dos participantes o sábado 10 ás 10 da mañá e logo de coñecer os catro temas por mail e redes sociais. Os temas serán secretos ata o momento da saída e as imaxes deben ser enviadas por correo electrónico antes das 22 horas do domingo 11. Cada participantes achegará 4 fotografías, unha por tema, optando a tres premios e tres accésits. A inscrición pode facerse a través da web www.agrupacionfotograficagalega.com.

As obras recibidas conformarán unha exposición virtual nunha plataforma específica creada pola Agrupación fotográfica galega e o MARCO acollerá unha exposición física coas mellores imaxes. Na inauguración coñeceranse os gañadores e entregaranse os premios.

 

 

Descargar todas as imaxes