O rexedor valorará cos xurídicos recorrer a sentenza da Área: “Farei o mellor para esta cidade”
O Contencioso-Administrativo validou a constitución da Área Metropolitana e a elección de Caballero como presidente, rexeitando o recurso da Xunta, pero anulou o seu funcionamento ao estar supeditado a integrarse nun Plan de Transporte Metropolitano de Galicia que “non existe”. O alcalde: “Vou seguir defendendo a Vigo e farei o que sexa máis conveniente para esta cidade”
Cuestionado sobre un eventual recurso á sentenza, Abel Caballero avanzou este venres que avaliará co departamento legal as distintas opcións: “Farei o mellor para a cidade, non descarto nada. Estudareino cos servizos xurídicos, non convén nunca precipitar as decisións, e farei o mellor para esta cidade”.
O primeiro edil abondou na súa valoración do ditame do Tribunal que rexeitou a pretensión da Xunta de Galicia de invalidar a constitución da Área Metropolitana de Vigo e a elección do propio Caballero como presidente. A sentenza anula o funcionamento efectivo do novo ente supramunicipal ao estar supeditado á integración previa de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, mais o auto anota: “É fundamental subliñar que o Plan de Transporte Metropolitano de Galicia non existe, nin como disposición administrativa nin como acto administrativo xeral”.
Abel Caballero resaltou que a Área Metropolitana está legalmente constituída e con presidente “pero non se pode poñer en funcionamento porque Feijóo impuxo unha condición imposible de cumprir, que é integrarse nun Plan que non existe”. O alcalde censurou as declaracións de onte do presidente da Xunta nas que tendía a man e recordou que Feijóo “rebentou” a entidade administrativa levándoa aos tribunais e incluíndo esa condición: “Aceptarei esa man cando elimine da lei a cláusula de imposible cumprimento que segou a Área Metropolitana; aí aceptarei a man”.