O Xulgado valida a constitución da Área Metropolitana e a presidencia de Abel Caballero
Contra o recurso da Xunta, o Contencioso-Administrativo sentenza que a constitución da Área, da súa asemblea e a designación como presidente do alcalde “foron válidos”. Ademais, o xuíz indica que o ente metropolitano funcionará cando o autobús urbano vigués entre nun Plan de Transporte Metropolitano que “non existe”, unha cláusula “de imposible cumprimento”, en verbas do alcalde.
Nunha extensa rolda de prensa, o alcalde de Vigo analizou o contido da sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, ante a denuncia interposta pola Xunta de Galicia, que na súa páxina número oito declara que “o recurso é inadmisible respecto da convocatoria e celebración da sesión constitutiva da asemblea”. O xuíz avala a posición do Concello contra o criterio da Xunta: “A convocatoria e celebración da sesión constitutiva da AMV, a constitución da súa asemblea e a elección do seu presidente (...) foron válidos”.
Caballero recordou que o presidente da mesa de idade na sesión constitutiva, o por entón alcalde de Salvaterra, Arturo Grandal, intentou suspendela e tanto el como os alcaldes e concelleiros do Partido Popular abandonaron o acto, nun “golpe de man” do PP. A Xunta de Galicia como denunciante -recolle o texto- “argumenta que a sesión debeu entenderse validamente finalizada no momento no que o señor Grandal decidiu o seu levantamento”, pero a sentenza aclara ao respecto: “O señor Grandal carecía de facultades de presidencia da mesa de idade, e tal aserto conduce a considerar que tampouco posuía a capacidade de suspender a sesión”.
Polo tanto, o Tribunal conclúe que “a convocatoria e celebración da sesión constitutiva da Área Metropolitana de Vigo, a constitución da súa asemblea e a elección do seu presidente (...) foron válidos”.
“Imposible cumprimento”
O alcalde de Vigo puxo énfase este xoves na referencia do Contencioso-Administrativo á efectiva posta en marcha da Área Metropolitana, que anula en base ao seguinte texto: “Os actos posteriores á celebración da asemblea constituínte, enmarcados no concepto de ‘efectiva posta en funcionamento’ da Área, que só pode producirse tras a efectiva integración do transporte urbano de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia cando este mesmo realmente se aprobe”.
Asegura Abel Caballero que a lei da Área Metropolitana de Vigo require para o seu funcionamento o requisito previo de que a cidade estea incorporada ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, unha cláusula “de imposible cumprimento” a tenor do que afirma a sentenza, que insiste cando entra no fondo da cuestión na páxina dezasete: “É fundamental subliñar que o Plan de Transporte Metropolitano de Galicia non existe, nin como disposición administrativa nin como acto administrativo xeral”.
O nomeado Plan non está aprobado polo Parlamento de Galicia, “non existe” e polo tanto o requisito previo é “de imposible cumprimento”, no que Caballero considera como unha “trampa” para invalidar de facto o funcionamento da Área Metropolitana presidida por Abel Caballero.
“Esta é a cuestión, houbo un acto de constitución, houbo unha asemblea legal, houbo unha elección dun presidente legal e segue habendo un presidente da Área Metropolitana que se chama Abel Caballero; un Área Metropolitana que non entra en funcionamento porque a Xunta a recorre por incumprimento dunha condición de imposible cumprimento”, resumiu o alcalde de Vigo.