A FEMP prepara unha proposta que complemente a de Facenda incluíndo o Fondo de Transportes e o de 5.000 millóns que contemplaba o Real Decreto
Abel Caballero: “Todo o que contempla a proposta do Ministerio é urxentísimo. E é imprescindible o fondo de 5.000 millóns, o fondo de transportes e poder usar os remanentes”. ”A FEMP non renuncia a nada”, subliña o alcalde e presidente da Federación na Xunta de Portavoces Extraordinaria celebrada este mércores
O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, anunciou que a Federación celebrará mañá xoves unha reunión de carácter técnico para avanzar nunha proposta económica que se remitirá ao Ministerio de Facenda. “Consideramos imprescindible que se aprobe todo aquilo que está no novo decreto anunciado polo Goberno”, dixo o Abel Caballero que, ademais, insistiu en que “ha de aprobarse de forma inmediata”.
Este grupo técnico, con presenza de membros da Xunta de Portavoces, preparará unha proposta complementaria á última barallada por Facenda para negociala co Ministerio. Dita proposta contemplará o Fondo de 5.000 millóns de euros e o de transportes, que figuraban no acordo subscrito co Goberno e no posterior RDL que non foi validado polo Congreso. Así mesmo, debe contemplarse como prioritario poder usar os remanentes das Entidades Locais, “dos que dispoñen 7.800 Concellos”, recalcou Abel Caballero.
O presidente da FEMP salientou que é “urxentísimo dispoñer do superávit”, porque para que esa disposición sexa efectiva é precisa unha tramitación e apenas “quedan dúas ou tres semanas”. Caballero engadiu que no mesmo plano de urxencia está “deixar sen efecto a regra de gasto e o resto de medidas contempladas na última proposta de Facenda”. Caballero cualificou, acto seguido, como “imprescindibles”, ademais, os fondos de 5.000 millóns e de transportes, “que estaban no RDL, e habilitar o uso dos remanentes acurtando, se é posible, o tempo para empezar a utilizalos”. “A FEMP -subliñou Caballero- non renuncia a nada”.
Respecto ao RDL que non foi validado, sinalou que “lamentamos moito o voto en contra do Parlamento, voto en contra dos intereses municipais. Por iso expuxen a necesidade de recuperar todo aquilo que se poida do RDL que o Congreso dos Deputados votou en contra”. Caballero engadiu que “o Goberno de España poñía ao dispor dos Concellos 5.000 millóns e o Congreso dos Deputados, de forma incomprensible, votou que non; por certo, non respectando a autonomía municipal porque na FEMP votaramos a favor do acordo”, engadiu.