Escoitar

O alcalde eloxia o traballo da Orquestra Clásica de Vigo ante a nova temporada de concertos

Abel Caballero e Manuel Martínez, director técnico da Orquestra Clásica de Vigo, presentaron este mércores o ciclo dos tres concertos que conforman a temporada 20.2 da formación, que volve aos escenarios este domingo, 27 de setembro, no Auditorio Municipal coa sección de madeiras interpretando a Mozart.

mércores, 23 set 2020
Presentación da programación en rolda de prensa
Presentación da programación en rolda de prensa

O rexedor puxo en valor o traballo da orquestra e a calidade do seu proxecto en Vigo cualificando o seu labor e traxectoria como un dos “fenómenos culturais imprescindibles na cidade”. Caballero comprometeu o apoio do goberno municipal á Orquestra porque, dixo, “seguiremos potenciando esta parte imprescindible no desenvolvemento da cidade”.

Manuel Martínez, o director técnico da Orquestra Clásica de Vigo, explicou que cos medios e limitacións actuais construíron unha nova programación na que “todo poida volver brillar, adaptada ás circunstancias e coa que seguir facendo cultura cun proxecto sempre vivo”. Así a formación será reducida, de entre 35 e 40 músicos, que é o que permiten os aforos dos espazos da cidade, e contarán con artistas locais.

O primeiro concerto “Bentornati” simboliza o reencontro da orquestra co público no escenario. Será o 27 de setembro no Auditorio Municipal, en dobre sesión ás 18 e ás 20 horas. O recital estará protagonizado pola sección de madeiras interpretando “La clemenza di Tito” de Mozart e obras de Charles Gounod, Edward Grieg e Schubert.

O segundo concerto, “Mozart + Haydn” o 17 de outubro no Teatro Afundación, ofrecerá unha programación de orquestra clásica interpretada por Raquel Carrera, a concertino da Orquestra e, o ciclo remata co concerto de Nadal, o 29 de decembro no Teatro Afundación, co concerto para piano e orquestra n.4 de Beethoven que será interpretado por Severino Ortiz.

Presentación da programación en rolda de prensa
O alcalde, o concelleiro de Cultura, Abel Losada, e o director e director técnico da Orquestra Clásica de Vigo
Descargar todas as imaxes