As escolas municipais comezarán o 1 de outubro “cun estrito protocolo anti covid”
O curso escolar nas escolas municipais de música, teatro, danza e música tradicional comezará o próximo xoves 1 de outubro cun máximo de 20 alumnos por clase. Non se programarán actividades grupais, haberá entradas e saídas diferenciadas e se desinfectarán os instrumentos despois de cada uso.
O próximo xoves comezará o curso nas escolas municipais de música, teatro, danza e música tradicional (ETRAD) aplicando un estrito protocolo anti-covid. O ratio por aula é de 20 alumnos e non se programarán actividades grupais como audicións ou concertos.
Tal e como detallou o rexedor, só poderán acceder ás instalacións alumnos e profesores, con entradas e saídas diferenciadas e horarios acordes á precisa limpeza e ventilación de aulas. Os instrumentos serán desinfectados logo de cada uso, será obrigatorio o uso de máscara e xel hidroalcólico en cada escola haberá unha persoa encargada de velar polo cumprimento de todas as medidas preventivas.
Evitaranse actividades presenciais sempre que sexa posible e adaptaranse grupos e horarios para minimizar o risco de contaxio. As persoas encargadas de actividades para alumnos de entre 4 e 7 anos, deberán coordinarse para unificar criterios e facer seguimento de como funcionan.
Respecto do número de alumnos, explicou que aínda está aberto o período de matriculación nestas escolas municipal que supoñen un custo de case un millón de euros ao ano. Ata o de agora, a de Danza, cun orzamento anual de 150.000 euros, conta con 81 matriculados; a ETRAD, cun custo anual de 256.000 euros, conta con 350 alumnos; a de Música, ten 500 alumnos e unha subvención anual de 447.000 euros e, finalmente, a escola de Teatro, ten 146 alumnos e un orzamento de 92.000 euros.
Axudas de emerxencia
A comisión de valoración das axudas de emerxencia adxudicou o pasado 24 de setembro 82 novas achegas, cun importe superior aos 12.000 euros. Deste xeito, o total de axudas desde marzo elévase a 10.037 cun importe total de 1.250.000 euros.