Escoitar

O Pleno insta á Xunta a derogar a disposición da Lei da Área Metropolitana que impide a posta efectiva en funcionamento do ente

A moción socialista foi aprobada na sesión ordinaria deste mércores na que tamén saíu adiante a moción pola que o Concello demanda ao goberno autonómico a modificación da Lei 2/2017 en materia de regulación do transporte público que obriga a Vigo a asumir o custo de autobús urbano de persoas non residentes na cidade.

mércores, 30 set 2020

A Corporación instan á presidencia da Xunta de Galicia a promover a derogación da disposición adicional decimoprimeira da Lei da Área Metropolitana de Vigo, engadida pola Lei 14/2016 que impide a posta en efectivo funcionamento da Área Metropolitana, unha vez que está ratificada a súa constitución e a presidencia no alcalde de Vigo. Segundo expuxo o edil Carlos López Font, a disposición adicional establece a condición da integración previa do transporte de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia para a efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana. Esa incorporación, non prevé o incremento da achega da Xunta e do resto de municipios senón soamente para o Concello de Vigo, o que supón un trato discriminatorio para a cidade, tal e como recolle o texto da moción, que foi aprobada co rexeitamento dos populares e o concelleiro non adscrito e a abstención do grupo mixto.

Ademais, o Pleno aprobou -coa abstención do grupo mixto e o voto negativo dos populares e do concelleiro non adscrito- a moción socialista na que se insta á Xunta de Galicia á modificación da Lei 2/2017 en materia de regulación do transporte público, que obriga ao Concello de Vigo a asumir unha parte importante do custo de uso do autobús urbano de persoas non residentes na cidade. O texto propón a modificación do contido desa lei para non interferir na autonomía local e non privar ao consistorio vigués da potestade de organizar e xestionar o transporte urbano na cidade, evitando que teña que pagar o custo das viaxes dos usuarios de fóra de Vigo.