Escoitar

O Concello activa as escolas deportivas municipais para uns 3.000 rapaces e rapazas

Este xoves, 1 de outubro, comeza o programa municipal de escolas deportivas 2020-2021, que se prolongará ata o 31 de maio. O goberno de Vigo promove a práctica deportiva entre a mocidade de seis a dezaoito anos cunha iniciativa na que se inscribiron uns 3.000 rapaces e rapazas, segundo informou o alcalde.

xoves, 1 out 2020

“Queremos que se siga a facer deporte de base e adicamos todas as instalacións municipais no ámbito deportivo a este logro”, valorou Abel Caballero este xoves, primeira xornada da edición 2020-2021 do programa municipal de escolas deportivas que promove o Concello de Vigo.

Así, uns tres mil mozos e mozas da cidade practicarán ata maio algunha das máis de trinta disciplinas deportivas que se ofertan este curso, “en practicamente todas as zonas da cidade”, afirmou o rexedor. As escolas deportivas municipais se realizan nos complexos deportivos municipais de Travesas, Balaídos, Samil, Navia e da ETEA; nos pavillóns do Berbés, Bouzas, Bembrive, Calvario-Lavadores, Candeán, Castrelos, Carballal, Coia, Coruxo, Romil, Sárdoma e Teis; e nas piscinas de Valladares e Travesas.