O goberno de Vigo destina 850.000 euros ao deporte de base de 185 clubs
Abel Caballero informou este venres da resolución da convocatoria de subvencións a entidades deportivas pola súa actividade na pasada tempada, da que 185 clubs de base resultaron beneficiarias. Ademais, a Xunta de Goberno Local instalará no pavillón da ETEA unha nova pista para ximnasia acrobática.
A sesión deste venres da Xunta de Goberno Local acordou resolver unha convocatoria que acabará, en función dos criterios recollidos nas bases, subvencionando con 850.000 euros a actividade deportiva de 185 entidades deportivas da cidade.
Informouno este venres en rolda de prensa o alcalde, quen destacou que, xunto a este programa, o Concello de Vigo conta con outras iniciativas de apoio ao deporte que superan os 2,1 millóns, entre as que citou os 50.000 euros para axudas a deportistas de alto nivel, 450.000 euros para entidades deportivas de elite, 40.000 para o deporte urbano ou 420.000 euros para as escolas deportivas, entre outras.
“Facemos un inxente apoio ao deporte da cidade e estamos encantados de facelo”, asegurou Abel Caballero. Ao respecto, o goberno de Vigo deu luz verde ao expediente de contratación do subministro e instalación dunha pista acrobática, que será instalada no pavillón da ETEA. O Concello reserva 59.000 euros para a licitación, co que se pretende mellorar o equipamento deportivo municipal e a práctica da ximnasia rítmica e acrobática, entre eles, os e as deportistas do Flic Flac.