Escoitar

Concello e Renfe acordan descontos do 35% para os actos organizados pola Vigo Convention Bureau

Antes da sinatura dun convenio co seu presidente, e sobre a conexión ferroviaria, Abel Caballero defendeu este venres a conexión directa Vigo-Madrid, tanto no tren convencional como na Alta Velocidade. O alcalde manifestou que “non acepto que teñamos que viaxar por Santiago”, pois non aforra tempo, e culpou ao PP de parar cinco anos o AVE directo Vigo-Madrid.

venres, 2 out 2020
Isaías Táboas e Abel Caballero rubricaron o convenio
Isaías Táboas e Abel Caballero rubricaron o convenio

“De ningún modo imos ir a Madrid por Santiago, de ningún modo”, sentenciou este venres Abel Caballero, quen recordou que subir á capital para coller o tren de Alta Velocidade que une A Coruña con Madrid non aforra tempo de viaxe con respecto ao traxecto convencional ata Ourense polo río Miño.

O alcalde recordou que Vigo non ten conexión directa en Alta Velocidade con Madrid por decisións de gobernos do Partido Popular en España e en Galicia, en particular nomeou a Manuel Fraga, Corina Porro, Núñez Feijóo, Mariano Rajoy e Ana Pastor. Caballero asegurou que a Xunta “torpedea” a liña e Rajoy, coa deputada pola provincia Ana Pastor como ministra de Fomento, meteron "o proxecto nun caixón” durante cinco anos.

“Somos a cidade máis importante de España que non ten un tren de Alta Velocidade directo a Madrid”, constatou o rexedor vigués, quen responsabilizou ao PP da cuestión e instou aos responsables do Partido Popular a desculparse coa cidade. Engadiu Caballero que, tras cinco anos parado, o presidente Sánchez “rescatou” a liña directa Vigo-Madrid por Cerdedo e está en elaboración o estudo hidroxeolóxico do trazado.

Abel Caballero, en calidade de presidente da Vigo Convention Bureau, asinou este venres un convenio co presidente de Renfe, Isaías Táboas, ao que exculpou do trazado da Alta Velocidade en Galicia, mais declarou que, aínda así, as rutas actuais de Vigo a Madrid deben ser directos por Ourense: “Non acepto a proposta de Renfe para que teñamos que viaxar por Santiago”, e insistiu en que “de ningún modo vai pasar iso e nunca co meu silencio, xamais”.

Caballero e Táboas renovaron o acordo entre a Vigo Convention Bureau e Renfe, que continuará vixente no 2021, e que suporá descontos do 35% nos importes das viaxes de tren dos asistentes e expositores a congresos, feiras ou eventos organizados pola Fundación.

Isaías Táboas e Abel Caballero rubricaron o convenio
Descargar todas as imaxes