Escoitar

O Concello interpón un contencioso contra a obriga de pagar as escolas infantís da Xunta

O goberno de Vigo acordou este venres interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a resolución de 29 de xullo de 2020 do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar pola que se obriga ao Concello a abonarlle máis de 100.000 euros polas escolas infantís que xestiona o ente autonómico en Valadares e rúa Palencia.

venres, 2 out 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres do aprobación en Xunta de Goberno Local da interposición dun recurso contencioso-administrativo contra a resolución de 29 de xullo de 2020 do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar pola que se obriga ao Concello a abonarlle máis de 100.000 euros polas escolas infantís que xestiona o ente autonómico na cidade.

A Xunta de Galicia obriga á cidade a pagarlle polo réxime de cofinanciamento para as escolas infantís da rúa Palencia e de Valladares, que xestiona o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. “Por que temos que pagar nós algo que é competencia exclusiva, obrigación e decisión unilateral da Xunta de Galicia?”, sinalou o rexedor.

O Goberno autonómico cobra ao Concello de Vigo pola Escola Infantil da rúa Palencia un importe de 30.750,00 euros e pola Escola Infantil de Valadares un importe de 72.750,00 €. Xunto ás nomeadas escolas, o goberno de Núñez Feijóo tamén carga ao Concello outros 350.000 euros para cofinanciar os centros de día autonómicos de Teis, Coia e Lavadores. Vigo tamén recorreu a cuestión, que aínda continúa pola vía administrativa.