Escoitar

Abel Caballero reclama datos da Covid en Vigo e esixe a Feijóo un “cambio de actitude”

O alcalde denunciou novamente que a Xunta de Galicia “segue sen informar” da evolución da pandemia aos concellos, sendo a única comunidade autónoma que non proporciona información por municipios. Caballero insistiu en que Vigo, con datos, sería “moito máis eficiente” na loita contra o coronavirus.

luns, 5 out 2020
En rolda de prensa, Abel Caballero amosou a información que ofrece diariamente o goberno portugués a cada municipio
En rolda de prensa, Abel Caballero amosou a información que ofrece diariamente o goberno portugués a cada municipio

En declaracións aos medios este luns, Caballero considerou “imprescindible” contar con información por municipios, incluso desagregada por zonas do término municipal, para actuar contra o Covid-19 dunha forma “moito máis eficiente”, por exemplo, na desinfección ou na atención de Policía Local e Protección Civil. En cambio, lamentou o rexedor, o Concello de Vigo carece de información oficial da Xunta de Galicia, nin sequera a correspondente á area sanitaria viguesa, o que definiu como “neglixencia” por parte do goberno autonómico.

Abel Caballero relacionou esta falta de información coa “soberbia” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao quen reclamou un “cambio de actitude” e “rectificar”, posto que Galicia é a única comunidade autónoma de España que non ofrece datos de incidencia e evolución da enfermidade por municipios: “Pero que escándalo político é este?”, manifestou.

Todas as urbes portuguesas, afirmou o alcalde, reciben diariamente da autoridade sanitaria un parte cos casos confirmados no seu municipio, en fase activa, casos sospeitosos, contactos en vixilancia, recuperados e falecidos, entre outros datos. “Por que non copia a Portugal o señor Feijóo?”, preguntouse, antes de recordar que o propio Caballero, como presidente da FEMP, comunicoulle ao Ministerio de Sanidade a importancia que ten para as cidades dispor da información oficial diaria do seu municipio, demanda que asumiu tamén como propia a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), mais “a Xunta non fai caso”.

O alcalde de Vigo concluíu que é “dramático” que, no transcurso dunha pandemia como a do coronavirus, a Xunta de Galicia “non queira cooperar coas administracións locais” remitindo a información detallada aos concellos.

Descargar todas as imaxes