Escoitar

A Vigo Cup premiará o mellor xogador promesa de fútbol

O concelleiro de Deportes, Santiago Domínguez, presentou a terceira edición da Vigo Cup, un Torneo Internacional de Fútbol Base, que se celebrará do 29 de xuño ao 5 de xullo en Vigo e que este ano será especial pola numerosa participación, xa que acudirán máis de 200 equipos do panorama nacional e internacional.

venres, 23 mai 2003
Todo un luxo, tendo en conta que a participación nas anteriores edicións fora na primeira de 110 equipos e na segunda de 145; a mellora este ano é evidente o que amosa a grande aceptación entre os deportistas e os clubes.

O Torneo está totalmente aberto a clubes de calquera nivel deportivo, garantindo a cada equipo xogar un mínimo de catro partidos en magníficos campos de herba natural ou céspede artificial.

Este ano ademais, temos a colaboración da Universidade de Vigo e do Concello de Redondela polo que incorporaremos dous excelentes campos de herba artificial de última xeneración.

O torneo está dividido en 6 categorías; 5 masculinas e unha feminina, repartidos nas disciplinas de fútbol once e fútbol sete destacando o incremento da participación feminina que nesta III edición duplicou a cifra achegándose a 16 equipos.

Pola Vigo Cup pasaron xa un total de 600 equipos, destacando representantes dos mais variados estilos futbolísticos, que xa forman parte do eido profesional. Yago Falqué é a derradeira xoia do fútbol vigués xunto co xogador infantil Ricardo Santiago do Salgueiros de Oporto, que o ano pasado foi elexido o mellor xogador da Vigo Cup e este ano é un dos xogadores do Boavista, equipo da primeira división portuguesa que se quiso facer cos seus servicios Moitos son os motivos que moven ós clubs a percorrer miles de quilómetros para participar no Torneo da Vigo Cup.

A beleza dunha cidade como Vigo coas súas marabillosas praias, a súa gastronomía e o entorno das súas costas. O ambiente que se vive durante ó Torneo é espléndido: rapaces e rapazas de 8 a 18 anos invaden as rúas da cidade e os seus areais, enchéndoas de cor e ledicia.

E por suposto, a emoción dun Torneo de Fútbol no que participan equipos de alto nivel técnico facendo esta cita ineludible para tódolos seus participantes que dexesen estar no máis alto do podio.

Na Vigo Cup traballan mais de 200 persoas entre voluntarios, delegados de campo, secretaría técnica, prensa, árbitros... O obxectivo de todas estas persoas é facer que a estancia dos equipos resulte o máis agradable posible. Temos constancia de que a organización foi perfecta polo feito de ter unha enquisa que así o confirma: clubes e deportistas a consideraron excelente.

Novidades

Como principal novidade para esta terceira edición é a creación do I Trofeo Vigo Cup ao mellor xogador nacional sub-21 de fútbol profesional.

Así mesmo, creouse o premio o mellor árbitro e xogador promesa de fútbol vigués para destacar o traballo, esforzo e dedicación dos xoves valores como premisas fundamentais para a formación dos futbolistas.

Para iso contamos cun xurado composto polo vicepresidente da Fundación Vigo en Deporte, D. Santiago Domínguez Olveira e a do xogador profesional do R.C. Celta, Gustavo López que estará xuntamente con representantes dos medios de comunicación, D. Benigno de la Torre do Faro de Vigo, D. Enrique Rubio do Diario AS, D. Fernando Iglesias polos árbitros e D. Belarmino Alonso en representación dos adestradores.

O devandito xurado elixirá unha terna de candidatos para que finalmente sexan os siareiros os que decidan quen merece tan preciado galardón. Os que participen na votación entrarán nun sortero de premios ofertados polos nosos patrocinadores (Begano-Coca Cola, Faro de Vigo, Caixanova, Calderón Sport, Pesolán – Ediprem e Vodafone).