Escoitar

O Concello comeza a próxima semana a segunda fase da humanización do barrio de Ribadavia

A Xerencia de Urbanismo aprobará o xoves o plan de seguridade e saúde da mellora das travesías de Forno e Calazas, que arrancarán a próxima semana, segundo informou este martes Abel Caballero. Por outra banda, o Concello conclúe o trámite administrativo das expropiacións de 500 m2 en Urzáiz, a disposición da Xunta para construír a nova estación de autobuses.

martes, 12 mar 2019
O Consello da Xerencia municipal de Urbanismo, que se celebrará o próximo xoves, aprobará o plan de seguridade e saúde das obras de humanización do barrio de Ribadavia, que na súa segunda fase incluirá a reforma das travesías de Forno e Calazas. Cun investimento de 241.000 euros, as obras comezarán a próxima semana.

O alcalde de Vigo, que deu conta este martes dos principais asuntos que serán abordados na cita do próximo xoves, recordou que o Concello xa completou a primeira fase da urbanización do entorno, actuando nas travesías primeira e segunda, na rúa Churrera e na ampliación dun tramo da propia rúa Barrio de Ribadavia, por importe de 227.000 euros. Así, o investimento total na zona achégase aos 468.000 euros.

Expropiacións
En segundo lugar, a Xerencia tomará coñecemento da acta previa á ocupación de parcelas, por expropiación urxente, dos bens e dereitos necesarios para executar a estación de Urzáiz e a terminal de autobuses.

Segundo indicou Caballero, o Concello expropia con 56.000 euros uns 500 metros cadrados no entorno da terminal ferroviaria, terreo que "poñemos á disposición da Xunta de Galicia para que constrúa a estación de autobuses".