Escoitar

O II Plan municipal para a igualdade prioriza os eidos de educación e de emprego

O traballo, que incluíu a valoración do I Plan municipal para a igualdade de oportunidades, deseñou accións aplicables consonte ás competencias municipais e a situación de partida. A elaboración do II Plan realizouse por mor do convenio de colaboración co departamento de Socioloxía da Universidade de Vigo. A concelleira de Muller, Ana Gandón, mailas redactoras do proxecto, Amada Traba e Luz Varela presentaron o texto do que se editaron 2.000 exemplares.

luns, 14 abr 2003
1050322235piom1.jpg
Portada da publicación
Ana Gandón subliñou que o II para a igualdade de oportunidades e de trato das mulleres de Vigo foi aprobado primeiro polo Consello da Muller e logo pola corporación municipal, "co que na súa aplicación no ano 2003-2004 comprometo ao futuro goberno da cidade". Xunto ás dúas áreas priorizadas, educación e emprego, o proxecto abrangue numerosas iniciativas transversais pretendendo, segundo explicou Gandón "implicar a todos os departamentos do Concello a través de 45 accións concretas".

Pola súa banda, Amada Traba sinalou que na realización do novo Plan tívose en conta a avaliación do anterior e conseguir "unha segunda fase de intervención cara a obxectivos posibles; non formulacións teóricas do que convén, senón medidas aplicables na realidade".

A elección dos eixes de actuación decidiuse de acordo coas eivas detectadas tras do desenvolvemento do I Plan, do 1993 ao 1997, sendo a falta de datos o maior obstáculo da análise do eido do emprego. A súa responsable, Luz Varela, indicou que "as estatísticas, frecuentemente, non contemplan a variante de sexos o que dificulta a diagnose das necesidades". O labor no ámbito do traballo estructurouse, dunha banda, en actuacións horizontais, enfocadas á diversificación de opcións laborais para as mulleres, e, da outra, en proxectos verticais, dirixidos a que estas alcancen postos de responsabilidade.

O segundo Plan municipal para a igualdade de oportunidades nace coa vontade e o desexo de contribuír á consecución da igualdade real e efectiva de dereitos e de oportunidades entre mulleres e homes.

Contempla propostas de actuación nun horizonte temporal de dous anos para avaliar o seu cumprimento e o grao de eficiencia. É necesario o compromiso de toda a sociedade e moi especialmente de todas as persoas, institucións e organismos que actúan no ámbito educativo e na dirección e orientación do emprego.

Este plan é unha aposta pola coeducación e pola igualdade de oportunidades e de trato no mercado laboral.

Entre os obxectivos específicos deste plan está sensibilizar e formar na igualdade e na perspectiva de xénero ao persoal técnico e político do Concello de Vigo, incorporar a perspectiva de xénero aos deseños, contidos e avaliacións das políticas municipais e visualizar a situación de homes e mulleres na sociedade.

Entre as accións previstas preténdese impulsar a realización de cursos de formación para sensibilizar as persoas responsables -técnicas ou políticas- das áreas que se consideren preferentes como educación, emprego, benestar social, urbanismo, persoal...

Quérense tamén revisar as ofertas de emprego público que dependan directa ou indirectamente do Concello para evitar discriminacións no acceso das mulleres ao emprego. Ademais, preténdense revisar a linguaxe empregada na documentación, tanto interna como externa, para evitar usos sexistas.

A Concellería da Muller editou 2.000 exemplares do novo plan, que serán distribuídos en asociacións de mulleres, sindicatos e centros educativos.
Descargar todas as imaxes